A AC-221[1][2] (na provincia da Coruña), é unha estrada da Rede Secundaria da Xunta de Galicia que une as localidades da San Pedro de Nós (Oleiros) e Mabegondo (Abegondo); atravesa os concellos de Oleiros, Cambre e Abegondo. Ten unha lonxitude de 13,61 quilómetros e iníciase nun cruzamento coa AC-12 en San Pedro de Nós (Oleiros) e finaliza nun cruzamento coa AC-542 en Mabegondo (Abegondo).
A estrada inicia o seu percorrido arredor do km 7,5 da AC-12 no Seixal en San Pedro de Nós (Oleiros), para dirixirse cara aos lugares da Veiga, O Vilar e Vilanova para pasar despois aos Vilares na parroquia de Iñás. Neste punto crúzase coa estrada DP-1707 (que une o núcleo de Oleiros co lugar de Carballas en Pravio, nas inmediacións da vila de Cambre). A continuación entra no concello de Cambre no lugar do Pombo en Pravio e no lugar de Catro Camiños crúzase coa estrada AC-214 (que une Guísamo en Bergondo con Sigrás) para pasar despois baixo a AP-9 e entrar na parroquia de Cecebre no lugar de Quintán, dirixíndose cara a literaria Fraga de Cecebre e o lugar de Apeadeiro, pasando baixo a vía férrea (liña León–A Coruña). Neste lugar atópase o acceso ao apeadoiro de Cecebre. A vía continúa no lugar de Galiñeiros e pasa sobre a presa de Cecebre para entrar na parroquia de Bribes polo lugar de Nebrixe. Neste punto parte a DP-0102 cara a estrada DP-1704 (que une Cambre con Carral) pasando pola igrexa parroquial de San Cibrán de Bribes. Tras cruzar o encoro pola ponte sobre o río Barcés (que pertence como todo o encoro ao concello da Coruña) entra no concello de Abegondo no lugar de Orto de Arriba en Orto. A estrada segue pola parroquia de Crendes, pasando polos lugares de Tras da Igrexa e Vilar para continuar na parroquia de Mabegondo polos lugares de Lamansián e Marces, onde finaliza na estrada AC-542 arredor do km 7.