Aida de Acosta Root Breckinridge, nada en Elberon (Nova Jersey) o 28 de xullo de 1884 e finada en Bedford (Nova York) o 26 de maio de 1962, foi unha socialiteestadounidense, a primeira muller en realizar un voo en solitario nunha aeronave de motor.[1] En 1903, mentres estaba en París coa súa nai, viu por primeira vez un dirixible. Entón tomou só tres leccións de voo antes de voar ela mesma.
Posteriormente, tras perder a vista dun ollo por mor dun glaucoma, converteuse en defensora da mellora do coidado dos ollos e foi directora executiva do primeiro banco de ollos dos Estados Unidos.[2][3]
O 27 de xuño de 1903, en París, cando Acosta tiña dezanove anos, o pioneiro da aviación brasileiro Alberto Santos-Dumont ensinoulle a manexar o seu dirixible persoal, "No. 9". Santos-Dumont era a estrela de París nesa época, voando o seu dirixible ata o centro para ir ao seu restaurante preferido e deixándoo estacionado na rúa mentres ceaba. Acosta voou a aeronave de Santos-Dumont en solitario dende París ao Château de Bagatelle mentres Santos-Dumont ía en bicicleta debaixo dela, movendo os brazos e berrándolle consellos.[5]
Acosta posterior dixo que trala súa primeira aterraxe, Santos-Dumont lle preguntou como fora a experiencia. "É moi agradable, M. Santos-Dumont", contestou. "Mademoiselle," berrou el, "vous êtes la première aero-chauffeuse du monde!" ("Señorita, vostede é a primeira muller aerocondutora do mundo!"). Ela foi de feito a primeira muller que pilotou unha aeronave motorizada, case seis meses antes de que os irmáns Wright voasen por primeira vez nunha nave máis pesada có aire.[6]
O primeiro voo acabou nun campo de polo en Bagatelle na parte norte do Bois de Boulogne, durante un partido entre os equipos estadounidense e británico. Os espectadores axudárona a baixar da cesta. Tras ver algo do partido con Santos-Dumont, Acosta volveu subir á cesta e levou a máquina de volta Neuilly St. James. O percorrido completou durou unha hora e media.
Consecuencia do voo
Cando oíron do voo, os pais de Acosta horrorizáronse. Estaban seguros que ningún home casaría cunha muller que fixera tal cousa, así que se encargaron de calar a historia ata moitos anos despois, cando na década de 1930 ela a contou ao seu marido e a un oficial naval novo chamado Tenente George Calnan durante unha cea.
Acosta é a única persoa á que Santos-Dumont permitiu voar nunha das súas aeronaves. Ademais, Santos-Dumont, solteiro empedernido sen lazos románticos coñecidos, conservou unha fotografía de no seu escritorio xunto un vaso de flores frescas durante toda a súa vida. Non obstante, non existen evidencias de que Santos-Dumont e Acosta permanecesen en contacto despois do voo. Sobre a morte de Santos-Dumont, Acosta dixo que apenas o coñecía.
Defensa do coidado ocular
En 1922, Aida sufriu un glaucoma. O seu oftalmólogo foi o célebre especialista William H. Wilmer, a quen a revista Time definiu como "o mellor cirurxián ocular que os Estados Unidos nunca tiveron".[7] Finalmente perdeu a visión dun ollo, mais o doutor Wilmer salvoulle o outro, e inspirouna a organizar unha campaña de recollida de fondos que resultou na consecución de tres millóns de dólares para o establecemento do Instituto de Ollos Wilmer no Hospital Johns Hopkins, primeiro instituto de ollos nos Estados Unidos.[2][8][9] En 1945 converteuse na directora executiva do Eye-Bank for Sight Restoration de Nova York, primeiro banco de ollos do país.[10]
Falecemento
Acosta faleceu en Bedford, Nova York, aos 77 anos.[11]