Aimé Constant Fidèle Henry (tamén coñecido como Aimé Constantin Fidelius Henry), nado o 13 de xuño de 1801 en Douai (Francia), e finado o 23 de febreiro de 1875 en Bonn (Alemaña), foi un litógrafo, libreiro, editor, botánico e naturalista alemán de orixe franco-alemá que traballou en Bonn.
Traxectoria
Aimé Henry era fillo dun membro do exército revolucionario francés, Charles Albert Joseph Henry, e de Anna Rebekka Mayer, que nacera en Düsseldorf. Aimé Henry chegou a Düsseldorf (Reino de Prusia) contra 1816 e formouse como litógrafo na Compañía Arnz & Winckelmann, que traballa na industria editorial desde 1817. Despois da súa formación e o posterior traballo para Arnz & Winckelmann, Aimé Henry fundou máis tarde o seu propio instituto litográfico o 24 de novembro de 1828, xunto con Maximilian Cohen en Bonn e, uns meses despois instalouse nunha tenda composta por un instituto litográfico, unha tenda de arte e unha tenda de materiais de escritura e debuxo. En 1833 a compañía recibiu o título de membro do Instituto litográfico da Rheinische Friedrich-Wilhelms-Universität de Bonn e, o 6 de maio de 1835, aínda que ningún dos dous socios comerciais era libreiro adestrado, concedéuselle a Henry a licenza de libreiro.
En 1842 Hemry casou con Maria Anna Josepha Eiler, coa qur tivo tres fillos, Joseph, Carl Johann Hubert e Albert.
O 31 de decembro de 1861, a compañía dividiuse, e Henry dirixiu a partir deste momento un instituto de libros, arte e litografía.
Henry tiña unha excelente reputación como litógrafo, e foi considerado un experto neste campo. Nos seus últimos anos Henry tamén traballou como bibliotecario na Academia alemá das ciencias naturais Leopoldina,[1] e en 1843 foi elixido membro desta douta institución.[2]
Xunto con Theodor Friedrich Ludwig Nees von Esenbeck, Philipp Wirtgen e Karl Wilhelm Arnoldi, Johann Carl Fuhlrott, Ludwig Clamor Marquart e outros, fundou a Asociación Botánica no Medio e Baixo Rin en 1834,[3] a posterior Asociación de Historia Natural da Renania e a Westfalia prusianas,[4] coas que revitalizaron significativamente a exploración botánica da Renania. Tamén foi membro da Sociedade de Científicos e Médicos alemáns.[5]
Na súa honra, Christian Gottfried Daniel Nees von Esenbeck nomeou o xénero Henrya da familia das acantáceas.
Henry faleceu en Bonn o 23 de febreiro de 1875, e foi enterrado no vello cemiterio desta cidade.
Abreviatura
A abreviatura Henry emprégase para recoñecer a Aimé Constant Fidèle Henry como autoridade na descrición e taxonomía en botánica.
Notas