Share to: share facebook share twitter share wa share telegram print page

Ama de casa

Unha muller que asumiu o papel de ama de casa.

A ama de casa pode definirse como a muller que traballa de balde e sen regulamentación horaria para a familia, dedicándose a tarefas domésticas tales como: o coidado dos fillos, a limpeza da casa, a compra de víveres e outros artigos, a preparación dos alimentos, a administración parcial ou total do orzamento familiar, a supervisión de traballos e de tarefas no ámbito do fogar, e un longo etc.[1]

Os labores da muller ama de casa implican, por definición, o traballo doméstico que está na base da maternidade e a conxugalidade. Ser ama de casa é inherente a ser nai e esposa, real e/ou simbolicamente. Os seus labores están destinados aos outros: a coidalos, a provelos de satisfaccións físicas e materiais. Tamén de satisfaccións emocionais e afectivas: das súas formas particulares de relacionarse co mundo, de facer, de sentir, de estar, as súas crenzas, saberes e linguaxes. Ser ama de casa é pois, ser dos outros. Ao permitir a satisfacción de necesidades de primeira orde, daquelas que de non ser satisfeitas levarían á morte, a muller ama de casa materializa a súa existencia en e a través dos outros.[2]

O rol tradicional

O traballo de ama de casa está tradicionalmente asignado á muller (a esposa, nun matrimonio convencional composto polo home, a muller e os fillos e fillas). Da ama de casa espéranse tradicionalmente moitas cousas, pero sobre todo abnegación, cuxo significado é literalmente "negarse a si mesmas" en beneficio da familia tradicional, especialmente para protexer aos fillos.[3]

De feito, máis que traballo, a actividade doméstica das mulleres considérase "labor" e a ocupación das amas de casa frecuentemente designábase como s.l. (os seus labores). A ama de casa ten un traballo sen recoñecemento e que practicamente ata hoxe en día asúmese por imposición máis que por elección.[4] Esta falta de recoñecemento e a invisibilidade do traballo doméstico pode minguar en gran medida a autoestima das mulleres que asumen, con ou sen axuda, o coidado e as tarefas do fogar case en exclusividade.[5]

Así pois, non é sorprendente que o feminismo cuestione fortemente o devandito rol tradicional de ama de casa, e busque cambialo.

Tradicionalmente a maior parte das mulleres non vendían o seu tempo no mercado de traballo senón que cedían toda a súa capacidade produtiva -produtiva e reprodutiva- ás pequenas unidades de produción de servizos que son as unidades familiares. Xa no século XVI Luis Vives propoñía que o traballo doméstico se basease nas ensinanzas de Aristóteles, sendo ocupación obrigada de todas as mulleres, incluídas as raíñas.[4]

En tempos máis recentes, en que os roles de xénero foron cambiando, é cada vez máis común que o home acepte tomar parte dese rol que tradicionalmente só desempeñaba a muller, e os labores cotiáns do fogar moitas veces sexan repartidos entre a parella.[3]

Economía

A economía ou Oikos-nomía foi na súa orixe o nome da boa administración da casa e das súas cousas.[4]

Segundo sinalan estudos de economía feminista (en particular, quen defende o materialismo histórico), o valor do traballo das amas de casa non se ten en conta nas formulacións estándar da produción económica, tales como o PIB ou os datos sobre emprego. As amas de casa traballan moitas horas á semana sen que estas se computen. O traballo doméstico é socialmente invisible desde o momento en que aquelas mulleres que se dedican a el son consideradas como inactivas en censos e en estatísticas.[5]

En 2015 o Parlamento sinalaba nun informe a necesidade dun maior recoñecemento a labores como a maternidade, o coidado da infancia ou de dependentes, incluíndo unha valoración económica: “Este traballo é raramente remunerado e a sociedade non o valora adecuadamente, a pesar de posuír unha enorme importancia social, contribuír ao benestar social e que pode medirse con indicadores económicos como o PIB".[6]

A investigadora María Ángeles Durán explica no seu estudo "El trabajo no remunerado en la economía global" que o Produto Interior Bruto de España aumentaría un 53% no caso de que se pagara o traballo non remunerado que, maioritariamente, realizan as mulleres[7]

Evolución social do papel da ama de casa

Sociedades tradicionais

Durante miles de anos, os homes foron considerados xeralmente como os principais sustentadores nas familias: o seu traballo baseábase principalmente na caza de animais para a alimentación, o cultivo de alimentos ou gañar diñeiro, mentres que as mulleres encargáronse do coidado dos nenos, preparar a comida, limpar a casa, e de tecer e arranxar a roupa.

Nas sociedades de cazadores e recolectores, por exemplo, na sociedade tradicional dos aborixes australianos, os homes cazan animais para a carne e as mulleres colleitan outros alimentos como grans, froitas e verduras. Unha das razóns é que é moito máis fácil recoller froita mentres se está ao coidado dun bebé que cazar un animal. Mesmo cando as vivendas eran moi simples e había poucas posesións, os homes e as mulleres facían diferentes traballos. Nas sociedades rurais, onde a agricultura é o principal traballo, as mulleres tamén se ocuparon do coidado de campos e animais ao redor da casa, e axudaron aos homes co traballo pesado cando se necesitaba facer un traballo de forma rápida, polo xeral debido á tempada.

Exemplos do traballo pesado que un ama de casa tradicional nunha sociedade rural faría son:

  • Recoller froita cando estaba madura para o mercado.
  • Encargarse da plantación de arroz.
  • Cultivar e amontoar os grans.
  • Cortar o feo.

Sociedades contemporáneas

No século XIX, nos países industrializados, máis e máis mulleres fóronse incorporando ao mundo laboral facendo traballos que ata ese momento eran exclusivos dos homes, pero non deixaron de ser amas de casa. Foi o momento no que se estableceron moitas grandes fábricas, primeiro en Inglaterra e logo noutros países europeos e nos Estados Unidos. Nese momento moitos miles de mulleres novas entraron a traballar nas fábricas.

No século XX as dúas guerras mundiais (a primeira guerra mundial, 1914-1918, e a segunda guerra mundial, 1939-1945 ) foron libradas por homes de moitos países. Mentres os homes estaban na guerra, as súas esposas puxéronse a traballar para manter os países en pé. As mulleres, que tamén eran amas de casa, traballaban en fábricas, empresas e granxas. Ao final das dúas guerras, moitos homes morreran, outros regresaran eivados e os restantes volveron ás súas posicións anteriores, desprazando do seu posto ás mulleres que fixeran eses traballos durante a guerra. Con todo, as guerras fixeran moitos estragos nos distintos países nos que se libraron e foron necesarios moitos traballos de reconstrución, pero tamén os avances bélicos repercutiron en aplicacións civís, polo que houbo un cambio social importante, que deu lugar a máis empregabilidade. Como consecuencia, as mulleres seguiron facendo moitos dos traballos que empezaran a facer durante as guerras e/ou incorporáronse a eses novos traballos.

O acceso masivo das mulleres ao mercado laboral é probablemente a transformación máis espectacular da segunda metade do século XX. Con todo, e a pesar do cambio nas relacións e valores familiares, estas transformacións no ámbito laboral non tiveron unha correlación equivalente no interior dos fogares, de forma que a responsabilidade das tarefas domésticas e o coidado continúan recaendo nas mulleres. Esta persistencia da división sexual do traballo constitúe un dos problemas fundamentais no avance cara a unha sociedade igualitaria.[8]

Antes da industrialización a produción na esfera doméstica representaba a economía na súa totalidade: implicaba relacións de reciprocidade porque era concibida de maneira igualitaria. Coa chegada da sociedade industrial disociáronse as actividades realizadas fóra e dentro da esfera doméstica e a remuneración monetaria definiu esta separación. No século XIX a Revolución Industrial promove a separación das esferas de produción mercantil e doméstica, acuñando para elas os conceptos de actividade e inactividade, respectivamente. Este acontecemento determinou quen serían as e os protagonistas dos espazos, ao tempo que se lles estipularon dereitos e obrigas.[2]

Así, de acordo co ideal vitoriano das esferas separadas, o mundo exterior é masculino e o doméstico feminino, tal como corresponde ás características esencialmente diferenciadas, contrapostas e complementarias, que se supoñen en mulleres e homes. Neste esquema, a muller, esposa e nai, é o "anxo do fogar", o eixo da familia e a encargada de gardar os bos costumes; en definitiva, un ser doméstico, delicado, dependente da protección dun pai ou dun marido, que se considera ademais como ser asexual, sendo o seu impulso á maternidade, análogo ao impulso sexual do varón.

Deste xeito, o fogar e a maternidade configúranse como referente fundamental da feminidade e o traballo doméstico como un "non traballo". Mentres, o traballo definido como emprego adquire unha posición central na orde social e na identidade da maioría dos varóns, á vez que o lugar no que traballan convértese no ámbito máis relevante para a integración social.[8]

O traballo doméstico é o que fai a muller ama de casa. En termos formais, a ama de casa é definida como traballadora por conta propia do sector doméstico e como a encargada de asumir a xestión e a produción doméstica do fogar. O traballo da muller ama de casa foi socialmente construído como a súa responsabilidade persoal e a súa identidade pasa polas formas específicas do traballo doméstico que realice. Este traballo maniféstase a través de nove elementos centrais:

  1. Non remuneración
  2. Xornada interminable
  3. Multiplicación de actividades
  4. Rixidez
  5. Escasa cualificación
  6. Límite da autonomía
  7. Indefensión
  8. Invisibilidade
  9. Soidade

En termos xerais, eses son os eixos que caracterizan o traballo doméstico; por contra, hai que anotar que os seus límites poden variar das condicións económicas e tecnolóxicas en que se realice, da maternidade e do traballo extradoméstico. Neste sentido, cando a muller se incorpora ao mercado de traballo, a súa carga de traballo doméstico non se reduce nin significa, necesariamente, a incorporación doutros membros da unidade doméstica (esposo, fillos e fillas) ao traballo doméstico.[2]

Notas

  1. Sau, Victoria. (2000-). Diccionario ideológico feminista (3. ed ed.). Barcelona: Icaria. ISBN 84-7426-072-8. OCLC 44108729. 
  2. 2,0 2,1 2,2 Vega Montiel, Aimée (2007-01). "Por la visibilidad de las amas de casa: rompiendo la invisibilidad del trabajo doméstico". Política y cultura (28): 181–200. ISSN 0188-7742. 
  3. 3,0 3,1 "¿Qué se celebra el Día del Ama de Casa?". Primera Edición (en castelán). 2015-12-01. Consultado o 2019-12-04. 
  4. 4,0 4,1 4,2 Durán, María Ángeles. (1986). La jornada interminable (1a. ed ed.). Barcelona: Icaria. ISBN 84-7426-127-9. OCLC 431889798. 
  5. 5,0 5,1 "Ama de casa: el rostro de las mujeres invisibles". La Mente es Maravillosa (en castelán). 2016-02-25. Consultado o 2019-12-02. 
  6. Cárdenas, Nicolás de (2017-10-09). "La 'factura en la sombra' del ama de casa en España supera los 2.500 euros mensuales". Actuall (en castelán). Consultado o 2019-12-09. 
  7. Heras, Durán; Ángeles, María (2012-07). El trabajo no remunerado en la economía global. Fundación BBVA. ISBN 978-84-92937-26-4. 
  8. 8,0 8,1 "VALORES SOCIALES Y DIVISIÓN SEXUAL DEL TRABAJO EN LAS FAMILIAS". studylib.es (en castelán). Consultado o 2019-12-09. 

Véxase tamén

Outros artigos

Kembali kehalaman sebelumnya