O primeiro filme co que acadou sona internacional foi The Piano, de Jane Campion, grazas ó que gañou o Óscar á mellor actriz secundaria en 1994, cando tiña once anos, converténdose deste xeito na segunda persoa máis nova en acadar este premio.[3][4] Despois do éxito en The Piano, a súa traxectoria como actriz colle folgos unha década máis tarde con papeis en filmes como She's All That, Almost Famous e X-Men, sendo neste último onde interpreta a Pícara, papel polo cal é amplamente coñecida.
Malia gañar o premio Óscar tan nova logrou manter unha carreira coherente e moita discreción na súa vida privada. Actualmente, Paquin conseguiu recoñecemento da crítica polo seu papel como Sookie Stackhouse na serie de True Blood e foi premiada co Globo de Ouro á mellor actriz en serie de televisión dramática no 2009.[5]
Traxectoria
É filla de Mary Paquin (Brophy, apelido de solteira) mestra de inglés nada en Nova Zelandia e do canadense Brian Paquin, mestre de educación física.[6] Ten un irmán, Andrew (1977),[7] e unha irmá, Katya (1980).[8] Á idade de catro anos marchou coa súa familia a Lower Hutt en Nova Zelandia.
En 1995 produciuse o divorcio dos seus pais e cando tiña 15 anos, trasladouse coa súa nai aos Ánxeles para impulsar a súa carreira como actriz. Cando rematou o instituto trasladouse a Nova York, onde se matriculou na Universidade de Columbia e asistiu as clases durante un ano, ata que decidiu deixar os estudos para continuar como actriz. No 2001, adquiriu a nacionalidade neozelandesa, de xeito que posúe dobre nacionalidade canadense e neozelandesa, aínda que ela se considera abertamente neozelandesa.[9][10]
Está casada co seu compañeiro do elenco de actores de True Blood, Stephen Moyer, que encarnou o seu mozo tamén na ficción.[11] Anna e Stephen comezaron a saír pouco despois das audicións para a serie, pero non confirmaron a súa relación até febreiro de 2009. Seis meses despois anunciaron que estaban prometidos para casaren o 21 de agosto do seguinte ano en Malibú. Por mor da rodaxe de True Blood, Paquin trasladouse a Venice nos Ánxeles en 2007.
En 2009, Paquin interpretou a Irena Sendler, unha muller polaca heroína do Holocausto, no filme O corazón valente de Irena Sendler, un filme biográfico baseado no libro Mother of the Children of the Holocaust: The Irena Sendler Story, de Anna Mieszkowska.[12]
↑Crisell, Luke (21 de maio de 2007). "Rogue Star". New York (revista). Arquivado dende o orixinal o 23 de maio de 2007. Consultado o 21 de maio de 2007.