José Antonio Muñiz Álvarez, nado en Vilar (Negueira de Muñiz) o 18 de agosto de 1883 e finado en Lugo o 3 de xaneiro de 1956, foi un político galego.
Traxectoria
Emigrou a Cuba, dende onde marchou a Francia anos máis tarde. En 1923 regresou á súa vila natal. Entre 1923 e 1925 agrupou aos veciños do val de Negueira en sociedades agrarias a modo de cooperativas e creou varios colexios, impulsando a cultura para que os nenos non quedaran analfabetos. Foi secretario da Federación Agraria Liga Provincial Agraria de Lugo (1923) e presidente da Federación de Sociedades y Sindicatos Agrícolas del distrito da Fonsagrada (1927-1933).
Logrou a constitución en concello de seis freguesías que pertencían á Fonsagrada (Río de Porto, Negueira, Ernes, Ouviaño, Barcela e Marentes), pasando a chamarse Concello Constitucional de Negueira. En 1929 por Real Orde, concedeuse o cambio de nome de Negueira polo de Negueira de Muñiz.
Na Segunda República continuou coa súa actividade como líder agrario, foi proclamado candidato da esquerda agraria independente para as eleccións de novembro de 1933 e despois estivo afiliado a Izquierda Republicana. Foi recadador de contribucións da Deputación Provincial. Co golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 foi detido o 25 de xullo e encarcerado, foi condenado e as súas propiedades confiscadas. Saíu da prisión o 14 de xuño de 1942 e casou en xullo con Estrella Méndez Campa. Instalouse en Lugo, onde morreu anos despois.
Véxase tamén
Ligazóns externas