Os romanos chamaron ás fontes termais sulfurosas da zona Aquis Granum , e canalizáronas para utilizalas como caldas. Tras a marcha dos romanos estiveron abandonadas ata o século VIII, aparecendo entón co nome de Aquis Villa. No ano 768, Carlomagno chegou a Aquisgrán pola primeira vez, gustoulle a zona e vinte anos despois comezou a construír un palacio, a súa capela palatina vaise converter na catedral de Aquisgrán que comezou a construírse no ano 796 e Carlomagno pasou a maioría dos invernos que van do ano 800 ata a súa morte acontecida en 814 en Aquisgrán para utilizar as caldas. Á súa morte soterrouse na capela.
No ano 936, coroaron a Odón I rei na catedral e desde entón Aquisgrán foi o lugar de coroamento dos reis do Sacro Imperio Xermánico durante os seguintes 600 anos, o último foi Fernando I en 1531. Durante toda a Idade Media Aquisgrán foi unha das cidades máis grandes do Imperio, en 1166 declarárona Cidade Libre Imperial separada do Ducado de Baixa Lorena. En 1668 asinouse o Tratado de Aquisgrán logo da Guerra de Devolución. Despois da Guerra dos Trinta Anos permaneceu tan só como unha cidade de importancia rexional. En 1801 pasou a ser anexionada por Francia pero o Congreso de Viena de 1815 asignouna a Prusia. Cara a 1880 a súa poboación era de 80.000 persoas e era un importante nó de comunicacións ferroviarias, converténdose nun núcleo manufactureiro onde se fabricaba ferro para os ferrocarrís e fibelas, botóns e agullas, destacando ademais en tabaco, e en tecidos de la e seda. Durante a segunda guerra mundial quedou moi danada, destruíndo os bombardeos dous terzos da cidade e foi, o 21 de outubro de 1944, a primeira cidade alemá ocupada polas tropas aliadas.
Economía
Aquisgrán conta con plantas industriais, en especial téxtiles, siderúrxicas e químicas pero recentemente tamén se estableceron empresas tecnolóxicas so o pulo da Universidade Técnica de Aquisgrán, situándose nunha das rexións economicamente máis vigorosas da Unión Europea.
Notas
↑Forma empregada na Enciclopedia Galega Universal.