La Patria Gallega (1891-1892) foi o seu órgano oficial, dirixido por Murguía, e no que Brañas escribiu artigos importantes para a evolución posterior do rexionalismo. En 1893 apareceu El Regionalista, de curta duración. A Asociación Regionalista Gallega mantivo contactos cos rexionalistas cataláns a través de Murguía, que participou nos Jocs Florals de Barcelona de 1890 e colaborou en La España Regional de Barcelona.
Entre as actuacións da ARG destaca a organización dos Xogos Florais de Tui en 1891, nos que Brañas e Murguía empregaron o galego por vez primeira nun acto público e a participación na Xunta de Defensa de Galicia que se opuña ao traslado da capitanía militar fóra de Galicia.
As diferenzas entre tradicionalistas e liberais impediu a consolidación da organización, aínda que foi un chanzo moi importante na formación dun sentimento nacional galego, ao ser a primeira organización política rexionalista de Galicia.