Todos eles teñen como característica en común unha alimentación estritamente herbívora (excepto a maioría dos duiqueros, que son omnívoros.)
Tanto as femias como os machos presentan unhas protuberancias na fronte (cornos). Os cornos non están ramificados, e normalmente son curvos ou retortos. A súa estrutura é ósea, e están recubertos por unha funda córnea que nunca muda.
En xeral, as súas especies habitan en climas temperados e tropicais.
Os bóvidos máis grandes poden chegar a pesar cerca dunha tonelada e ter unha altura na cruz de 2 m (bois, búfalos, bisontes). Por outra parte, os máis pequenos poden pesar tan só 3 kg e non ser máis grandes que un gato doméstico (dic-dics).
Algúns deles son macizos, pesados e musculosos (como o touro), mentres que outros poden ser áxiles, con patas finas e longas (como as gacelas).
A maioría dos membros desta familia congréganse en grupos grandes con estruturas sociais moi complexas, pero existen casos nos que o seu comportamento non é gregario.[1]
Tal e como se mencionou son ruminantes, tendo o seu estómago policompartimentado; na etapa adulta teñen catro compartimentos gástricos ou estómagos (rume ou panza, retículo ou barrete, libro ou omaso e calleiro ou abomaso —que é o verdadeiro estómago, o que segrega o suco gástrico—).
As diferentes funcións de cada compartimento abarcan todo o proceso de dixestión dos vexetais inxeridos, que poden ser forraxe (pasto) ou produtos agrícolas (palla, feo, alfalfa etc.) no caso de seren animais domésticos.
Nas etapas infantís, os bóvidos só teñen desenvolvido o abomaso, e aliméntanse unicamente de leite materno; nese momento non se consideran ruminantes. Aproximadamente aos tres meses de idade, segundo a especie, xa adoitan ter en funcionamento as catro cavidades estomacais, polo que poden xa considerarse ruminantes.
A última especie de bóvido descubriuse en data tan recente como 1992, na Reserva Natural de Vu Quang,[9] nas selvas do norte de Vietnam, preto da fronteira con Laos. Este raro animal, coñecido polos lugareños como sao la (e na bibliografía internacional como saola ou boi de Vu Quang), foi clasificado como Pseudoryx nghetinhensis, e adscrito á liñaxe dos xéneros Bos e Bison (tribo dos bovininos).[10] Ante o perigo de que desaparecese esta especie, (e outra, descuberta na mesma selva, e no mesmo ano, pero pertencente á familia dos cérvidos e clasificada como Megamuntiacus vuquangenisis), as autoridades do país ampliaron considerabelmente a reserva, limitando ademais a explotación forestal. Na reunión do CITES de novembro de 1994, en Fort Lauderdale, Florida, Estados Unidos acordouse incluír ambas as especies no "anexo I" deste convenio internacional, o que implica a prohibición total do seu comercio.[11]
Evolución e filoxenia
A familia dos bóvidos coñécese grazas a fósiles do mioceno temperán, hai ao redor de 20 millóns de anos (MA). Os primeiros bóvidos indiscutíbeis foron os Eotragus, que viviron hai 18 MA en Europa, África e Paquistán. Eran animais pequenos, algo parecidos ás gacelas, e vivían probabelmente en ambientes forestais.
Os bóvidos diversificáronse rapidamente no mioceno tardío, nun período no que a Terra sufriu un quecemento que levou a unha gran mestura das faunas de África, Eurasia e Norteamérica.[12][13]Esta radiación miocena tardía, que ampliou notabelmente o número de especies, debeuse en parte a que moitos bóvidos se adaptaron a hábitats máis abertos, como as praderías (no mioceno había ao redor de 78 xéneros, en comparación cos 50 actuais).[14] O seu desenvolvemento tivo lugar no vello mundo, onde aínda son numerosos, especialmente en África.[15]
Nos primeiros tempos da súa historia evolutiva, os bóvidos dividíronse en dous clados principais, Boodontia (de dentes de boi) e Aegodontia (de dentes de cabra). Esta temperá división entre Boodontia (de orixe euroasiática) e Aegodontia (de orixe africana) atribúesa á división entre estas masas de terra continental. Cando estes continentes se uniron posteriormente, a barreira que os illaba desapareceu, e ambos os grupos se expandiron os uns cara aos terriotorios dos outros.[16]
Os bóvidos salvaxes da nosa terra estiveron suxeitos a repoboacións e reintroducións. O rebezo galego (Rupicapra pyrenaica parva), que en tempos pasados fora moi común nas serras orientais lindantes con Asturias e León, estivo a piques da extinción pero, na actualidade, está recolonizando estes hábitats a causa das medidas para a protercción da especie e, sobre todo, da súa reintrodución na montaña leonesa. A cabra montesa autóctona, Capra pyrenaica lusitanica, que vivira nas serras orientais e surorientais, extinguiuse a mediados do século XIX). Na actualidade inténtanse repoboar estas zonas con individuos da subespecie C. p. victoriae.[19]
O carneiro bravo ou muflón (Ovis musimon = Ovis aries musimon) extinguiuse hai milenios do continente europeo debido á caza excesiva e aos cambios climáticos, e quedou relegado ás illas de Córsega, Sardeña e Chipre, e foi reintroducido nesta última illa durante o neolítico.
En séculos posteriores volveu ao continente da man do home, adaptándose perfectamente e sendo hoxe en día unha especie en expansión, sobre todo nas zonas montañosas, de xeito que hoxe xa non está en perigo de extinción (aínda que o seu status é, segundo a UICN, de VU (vulnerábel),[20] e é obxecto en moitos lugares de actividade cinexética.
Nos anos 1930 lográronse introducir de contrabando algúns exemplares no continente, en Italia, exemplares que foron liberados en primeiro lugar en zonas protexidas e, despois, en territorios libres, estando hoxe moi estendidos nos Apeninos e nos seus contrafortes. Tamén existen importantes poboacións en Alemaña e na República Checa.
Na península italiana o muflón é unha especie xestionada, pero soamente na selección dos espécimes (como a maioría dos ungulados silvestres, agás o xabaril). Só en Sardeña, onde viven máis de 2.000 exemplares, aínda hoxe é unha especie protexida en risco de extinción pola caza furtiva e a competencia dos rabaños de ovellas.
↑Wilson, Don & Reeder, DeeAnn, eds. (2005): Mammal Species of the World (3ª edición). Baltimore: Johns Hopkins University Press, 2 vols. ISBN 978-0-8018-8221-0. [1]Arquivado 14 de marzo de 2012 en Wayback Machine.
↑Santiago-Moreno, et al. (2004): "El muflón europeo (Ovis orientalis musimon Schreber, 1782) en España: Consideraciones históricas, filogenéticas y fisiología reproductiva. Galemys, 16 (2): 3-20.
Díaz d'a Silva, J. I. & Cartelle, Y. (2007): Guía dos mamíferos de Galicia. A Coruña: Baía Edicións. ISBN 84-96893-20-7.
Haltenorth, T. & Diller, H. (1986): A Field Guide of the Mammals of Africa including Madagascar. Londres: William Collins Sons & Co Ltd. ISBN 0-00-219778-2.
Kowalski, Kazimierz (1981): Mamíferos. Manual de teriología. Madrid: H. Blume Ediciones. ISBN 84-7214-229-9.
Wilson, D. E. & D. M. Reeder, editors (2005): Mammal species of the world: a taxonomic and geographic reference. Third edition. The Johns Hopkins University Press. Baltimore, Maryland, USA. ISBN 0-8018-8221-4.