A primeira bandeira non oficial dos saami foi deseñada pola política e activista saami Máret Stueng, de Kárašjohka en 1962, e foi o deseño usado como elemento visual de diversas publicacións saami (como a portada do "Catálogo 1971" publicado pola Biblioteca de Karasjok para a literatura saami)[2] e manifestacións a finais dos 60 e principios dos 70. Ademais, este deseño foi empregado en manifestacións contra o previsto encoro de Alta, un evento que desencadeou unha nova era na política saami e que acadou un forte significado simbólico. A bandeira eran tres bandas estruturadas dun xeito que suxire a cruz nórdica aplicada nas bandeiras dos países nórdicos. As cores (azul, vermello e amarelo) úsanse habitualmente nos gáktis, o traxe tradicional saami.
No marco das citadas manifestacións, a artista saami da costa Synnøve Persen de Porsáŋgu realizou as obras de arte “Forslag til Samisk flagg” (Proposta de bandeira saami) e “Sámilandia para saami” (incluíndo 5 banderíns), ambas con deseño similar ao realizado por Máret Stueng. Independentemente de se isto foi unha coincidencia, unha inspiración ou un simple acto de plaxio propio das prácticas artísticas, a bandeira de Persen contribuíu á visibilización da bandeira e dos seus conceptos implícitos sobre a autonomía saami. As obras de arte de Persen foron adquiridas polo Museo Nacional en 2018, despois de ser presentadas a nivel local e internacional en diversos medios e exposicións, sempre presentadas como "a primeira bandeira saami" sen referencia a Máret Stueng.
Segunda bandeira dos saamis
A primeira bandeira saami oficial foi recoñecida e adoptada o 15 de agosto de 1986 pola XIII Conferencia Saami Nórdica en Åre, Suecia. A bandeira foi o resultado dun concurso patrocinado polo xornal Sámi Áigi para o que se presentaron máis de setenta propostas. Ao final, considerouse un novo deseño en contraste coa bandeira non oficial xa existente e saíu gañadora a nova. O deseño foi presentado pola artista saami da costa Astrid Båhl de Ivgubahta/Skibotn, no condado de Tromssa/Troms, Noruega.
Mantívose a estrutura básica da bandeira de Máret Stueng, mais Båhl engadiu a cor verde, que é popular en moitos gáktis sasmis do sur. Estas catro cores coñécense desde entón como "as cores (nacionais) saami". Tamén engadiu un motivo derivado dun símbolo do Sole a Lúa que aparece nos tambores de moitos xamáns saamis. Mentres que os debuxos dos tambores de xamán só se facían en vermello (usando un extracto do ameneiro sagrado), o motivo da bandeira usa tanto o azul como o vermello: o primeiro representa a Lúa, o segundo o Sol. A fórmula da cor Pantone é: vermello 485C, verde 356C, amarelo 116C e azul 286C.[3][4]
Fillos do Sol
O motivo escolleuse tendo en conta o poema "Päiven Pārne'" ("Fillos do Sol"). O poema foi escrito polo sacerdote protestante saami do sur Anders Fjellner (1795-1876), a partir dun joik baseado en elementos da mitoloxía saami. O poema describe aos saami como "fillos e fillas do sol",[3] a través da unión entre unha muller "xigante" (unha entidade mitolóxica non identificada) que vive nunha "Casa da Morte" moi lonxe do Norte, e a descendencia masculina do Sol coa que ela foxe. Os saami tamén son denominados "descendentes dos Fillos do Sol" no himno nacional saami.[3]
Status oficial
Dezasete anos despois da súa adopción polo Consello Saami, en 2003, a bandeira saami recibiu o status oficial en Noruega, o país con maior poboación saami. Agora é obrigatorio para os concellos de Noruega ondear a bandeira o 6 de febreiro, Día Nacional Saami.
O Consello Saami tiña anteriormente a propiedade total da bandeira e outros símbolos nacionais, pero dende a XVIII Conferencia Saami comparte esa propiedade co Consello Parlamentario Saami. O comité mixto de símbolos nacionais tamén ten o deber de determinar novos símbolos nacionais de acordo cos principios internacionais de heráldica.