Beatriz Seijas Couce, nada en Ferrol o 15 de marzo de 1974, é unha ex xogadora de fútbol sala e adestradora galega. Xogaba de á-peche e tivo unha longa carreira desenvolvida en tres equipos, o Sal Lence, o CD Ourense e o Ourense CF, gañando tanto a liga de Primeira División como a Copa de España cos tres clubs. Retirouse aos 45 anos, acumulando no seu palmarés cinco ligas, seis Copas e dous galardóns como mellor xogadora de España.
Dende 2020 adestra a selección alevín feminina de Galicia.
Traxectoria
Comezou xogando ao fútbol sala no Lago Gairesa de Valdoviño, cando aínda non existían ligas femininas, polo que disputaban só encontros amigables.[1] En 1990 fichou polo Sal Lence do barrio dos Castros da Coruña.[2] Con este equipo gañou tres ligas de Primeira División (1992/93, 1994/95 e 1995/96), así como as Copas de España de 1992, 1995, 1996 e 1997.
En 1998 deixou o equipo xunto a Nuria Iglesias, trasladándose ambas a Ourense para xogar no CD Ourense. No seu primeiro ano gañou a liga e a Copa.[3] Cando o club desapareceu pasou a xogar no novo Ponte Ourense, co que ascendeu dende as categorías rexionais ata conquistar unha nova liga na tempada 2010/11. Continuou no club ourensán durante os seguintes oito anos, sumando ao seu palmarés a Copa de España de 2017. Retirouse aos 45 anos de idade, despois de xogar o seu último partido en xuño de 2019 fronte ao Burela Pescados Rubén.[4][5]
Tras a súa retirada formou parte do equipo técnico do Ourense Envialia e dende xaneiro de 2020 adestra a selección galega feminina alevín.[6]
↑"Ricardo, ex-jugador del Chaston, podría alinearse en el Palacio de Riazor con el Marsanz". La Voz de Galicia(en castelán). 16 de novembro de 1990. p. 57.