O Boeing E-767 é un Sistema Aéreo de Alerta e Control (AWACS) que foi deseñado en resposta aos requirimentos da Forza Aérea de Autodefensa do Xapón.[1] Trátase esencialmente do radar de vixilancia e o sistema do control do Boeing E-3 Sentry instalado nun Boeing 767-200.
Desenvolvemento
Antecedentes
O 6 de setembro de 1976 o piloto da Forza Aérea Soviética Viktor Belenko desertou con éxito a occidente, voando o seu MiG-25 'Foxbat' ata Hakodate, Xapón. Durante este incidente os radares da Forza de Autodefensa do Xapón perderon o rastro do avión cando Belenko voaba o seu MiG-25 a baixa altura, facendo que a Forza Aérea de Autodefensa do Xapón considerase a compra de avións de alerta temperá.
En 1976 a Forza Aérea dos Estados Unidos estaba a piques de despregar o avión AWACS E-3 Sentry, que foi considerado o candidato principal para a misión de alerta temperá aerotransportada pola Forza Aérea. Porén, a Axencia de Defensa do Xapón (agora o Ministerio de Defensa) decatouse de que o E-3 non estaría dispoñible debido ás necesidades da USAF e no seu lugar optou por mercar o E-2 Hawkeye.[2] O E-2C entrou en servizo co Grupo de Alerta Temperá Aerotransportada na base de Misawa en xaneiro de 1987.
En 1991 a Axencia de Defensa do Xapón solicitou fondos para mellorar o sistema de alerta temperá aerotransportada mercando o E-3. Porén, a produción do E-3 baseado na fuselaxe do Boeing 707 rematou ese mesmo ano, e os plans canceláronse. O ano seguinte Boeing propuxo un AWACS baseado nun 767, e a Axencia de Defensa accedeu a mercar dous E-767 no ano fiscal de 1993 e dous máis no de 1994.[3]
Compra
A Axencia de Defensa solicitou un orzamento de 113 900 millóns de iéns para mercar os dous E-767 de 1993 e 108 100 millóns para os dous de 1994.[3] Este grande orzamento comparado cos aproximadamente 8 600 millóns de iéns polos E-2C e os estimados 29 600 millóns polos E-3A foi racionalizado politicamente como un medio para axudar a aliviar a tensión sobre o gran superávit comercial do Xapón contra os Estados Unidos. Ademais, compañías aeroespaciais xaponesas son responsables da produción do 15% do 767, o que signigica que partes dos cartos regresarían indirectamente ao Xapón.
A compra do E-767 polo goberno xaponés dividiuse en dúas etapas. A primeira etapa foi a compra dun 767 sen modificar polo goberno xaponés a través dunha empresa comercial, Itochu Corporation. Na segunda etapa o avión foi modificado para levar equipamento AWACS por contratistas estadounidenses e xaponeses baixo supervisión do goberno dos Estados Unidos segundo as regras de vensas militares estranxeiras.
Notas