Chámase bosque de ribeira ou bosque en galería, á formación vexetal riparia[1], que medra nas marxes dun regueiro, lagoa ou río, e que adoita ser frondoso e composto por especies que gostan dos solos húmidos e lamacentos. Son importantes ecosistemas de transición para a flora e mais para a fauna e uns dos de maior biodiversidade.
O nome de "galería" provén do feito que a súa vexetación cobre o río formando unha especie de túnel, como se fose unha mina. Identifícase claramente na paisaxe por seguir mesmo o curso do río, formando un corredor normalmente distinto ou diferenciábel do resto da vexetación, ademais de se caracterizar por manter as especies autóctonas caducifolias en climas con seca estival, en zonas agrícolas, ou en zonas onde se reforestou con outras especies, coma ocorre na maior parte de Galicia con piñeiros e eucaliptos. Nas zonas máis húmidas de Galicia a vexetación dos bosques orixinais ou fragas non discordaba moito da riparia.
Ripisilva, vexetación ripícola ou de ribeira
É propio destes bosques a localización das especies nun sentido transversal ao curso do río, sendo as máis esixentes en humidade as máis achegadas a el, que afunden as súas raíces no mesmo leito, coma ocorre cos salgueiros, mentres que as menos esixentes aparecen afastadas varias decenas (ás veces até centos) de metros (tralo salgueiro, o amieiro, despois freixos, umeiros, tamargueiras, loureiros, cancereixos, sabugueiros, e unha gran variedade arbustiva e herbácea (xuncos, espadanas, silveiras, hedras e fentos).
Na faixa atlántica a árbore raíña do bosque de ribeira é o amieiro (Alnus glutunosa). A formación de amieiros recibe o nome de ameal. Na conca mediterránea os lamigueiros (Populus sp.).
A ripisilva galega
En Galicia aos bosques de ribeira séguenlle naturalmente as carballeiras ou as fragas. Entre as especies máis típicas das ribeiras galegas salientan:
Estrato arbóreo
En primeira liña o amieiro (Alnus glutinosa) e os salgueiros (Salix alba, Salix atrocinerea).
Como especies invasoras aparecen a falsa acacia (Robinia pseudacacia) e recentemente a árbore do ceo (Ailanthus altissima).
Estrato arbustivo
Os matos aparecen nos lugares de maior luminosidade, como nos bordos. Os máis frecuentes son o sabugueiro e o sanguiño. Tamén aparecen acivros e xibardas.
As rubideiras ou gateadoras, que gabean polos troncos das árbores á procura da luz, están ben representadas polas hedras, as herbas salgueiras ou as uvas de can. Tampouco é raro atopar o lúpulo.
A rosácea espiñenta por excelencia é a silva.
Estrato herbáceo
A vexetación herbácea é a que acada maior nivel de biodiversidade. Conta cun bo abano específico de fentos e musgos. O fento máis característico de todas as ribeiras é o dentabrún ou fento real. Aparecen ademais ciparáceas e gramíneas (típicas herbas), moi difíciles de distinguir se non están en flor. Tamén as xuncáceas son frecuentes; os buños e os xuncos e nos que as antelas son abundantes nas zonas enchoupadas. Outras plantas vasculares frecuentes son as cáncaros, as mentas, os lirios, os pés de boi, espadanas, e os amarelles.
Ecoloxía
Os bosques de ribeira dan acubillo a gran cantidade de animais, e particularmente de aves, e amosan unha capacidade de recuperación ante os incendios moi superior á dos bosques achegados.
Conservación
A alteración dos bosques en galería, por distintos aproveitamentos humanos adoita ser moi intensa, e quedan poucos intactos. En Galicia a situación non é moi grave pola abundancia de precipitacións, o rápido desenvolvemento destes e a ausencia de lumes preto dos ríos.[Cómpre referencia] Isto fai que case poidamos atopar os restos das fragas autóctonas nestes ecosistemas. En Suramérica, fundamentalmente na rexión selvática que inclúe o Brasil, Paraguai e outros países, estes valiosos ecosistemas están a ser protexidos para o control da explotación humana.