Share to: share facebook share twitter share wa share telegram print page

Cadea (obxecto)

Cadea para amarrar un barco.
Cadea con grillón para suxeitar presos.

Unha cadea é un conxunto de elos ou aneis ligados entre si, que serve para suxeitar ou para a transmisión de movemento nas máquinas.

É un obxecto construído mediante elos, xeralmente metálicos, que se entrelazan uns a outros. Utilizáronse desde antigo debido á súa fortaleza combinada coa súa flexibilidade.

Os seus usos van desde seguridade para manter algo suxeito (como unha medalla ou un adorno colgado do pescozo (para isto necesítase un broche que una ambos os extremos), para soster obxectos de gran peso ou levantalos, e para delimitar o acceso a certos locais, ou para transmitir o movemento nas máquinas (como é o caso das cadeas das bicicletas ou das motos), neste caso acopladas a unha engrenaxe.

Simbolismo

O simbolismo das cadeas é moi variado e mesmo ás veces oposto. Con elas uns dóense da súa escravitude e da súa desgraza, mentres que outros envaécense do seu poder ou da súa liñaxe.

Hereros encadeados en Suráfrica, durante a rebelión de 1904.

Os romanos presentaban unha proba desta antítese: os seus emperadores condecoraban con cadeas aos soldados que se distinguiran na guerra polas súas fazañas e o seu valor, ao propio tempo que as impoñían aos inimigos que facían prisioneiros en sinal de cativerio e humillación.

Poderían citarse exemplos semellantes doutros pobos e doutras épocas. As cadeas que moitas veces se aplicaban ao encarcerado, ao cativo , ao escravo, ao debedor insolvente, foron frecuentemente o carácter distintivo dos reis, señores de vasalos, dos nobres e de persoas que ostentaban diversas dignidades.

Entre os antigos galos as cadeas pasaban por seren un dos principais atributos dos que exercían o poder.

E entre os ingleses a cadea representaba a dignidade do lord-corrixidor de Londres xa durante as súas funcións, xa como recordo de telas desempeñado.

Armas de Navarra con cadeas cruzadas.

En España tamén podemos observar as opostas ideas simbolizadas na cadea. As armas dun dos reinos máis poderosos e florecentes da España cristián medieval (Navarra) representan cadeas de ouro cruzadas en campo de goles, ou sexa de sangue, e no seu centro unha esmeralda. Teñen a súa orixe na celebrada batalla das Navas de Tolosa, gañada contra os mouros ao comezo do século XIII. Nela o rei Sancho VII de Navarra O Forte foi quen rompeu as cadeas que rodeaban o palenque en que se fixera forte o rei Miramamolín, e daquela adoptou aquel brasón para a súa monarquía.

Outros nobres, por térense distinguido deste mesmo feito de armas, escolleron tamén o mesmo símbolo para perpetuar a súa gloria, como foron os Mendozas, Peraltas, Estúñigas e outros.

Se naquelas ocasións se tomou a cadea como timbre de honor, noutras épocas da historia houbo de empregarse para castigo de rebelións ou para precaver as que en adiante se temeran. Sábese que vencida a resistencia dos cataláns a recoñecer por rei a Filipe V houbo certa orde para que non se puideran usar os coitelos máis que despuntados e colgando das mesas ou paredes por medio dunha cadea.

Algunhas casas particulares que honraran ao rei coa súa presenza ostentaban cadeas nas portas principais das súas casas, como se quixeran dar a entender que aquela casa pisada coa planta real quedaba pechada para toda outra persoa, en alusión sen dúbida a que na etiqueta antiga de palacio, as portas e pechaduras chamábanse cadea, de onde vén o oficio de porteiros de cadea.

Estes signos desapareceron coa caída do antigo réxime, xulgándose incompatíbeis co liberal que se inauguraba.[1]

Galería de imaxes

Notas

Véxase tamén

Outros artigos

Kembali kehalaman sebelumnya