Nos anos 80 do século XX decídese adaptar esta área para o turismo, os negocios e os congresos. En 1988 crearase unha empresa pública municipal chamada Campo de las Naciones para as infraestruturas de congresos e outros eventos que se celebrasen en edificios (sobre todo desa zona) adscritos a este ente. En 1991 inaugurarase na zona as novas instalacións feirais do Ifema. No ano 2006 a empresa Campo de las Naciones xestionaba xa o Palacio Municipal de Congresos, o Madrid Arena, o auditorio do Parque Juan Carlos I, o edificio Apot e os pavillóns do Recinto Feiral da Casa de Campo. Ese mesmo ano a empresa pública cambiará o seu nome por Madrid Espacios y Congresos S.A.[3], que á súa vez adoptará o nome comercial de Madridec. Posteriormente, Madridec pasou tamén a xestionar un pavillón deportivo chamado a Caja Mágica, que acolleu eventos a partir de 2009.[4] Madridec crebou en 2013 e o Concello fíxose cargo das súas débedas e dos seus activos.[5]