O Castelo de Ampudia é unha fortaleza do século XV situada na localidade de Ampudia (provincia de Palencia). É de titularidade privada.
Historia
Foi construído entre 1461 e 1488 por Don García López de Ayala, señor de Ayala e Salvatierra e fillo de Don Pedro García de Herrera, primeiro titular do Condado de Ampudia. O sucesor de Don García, Don Pedro Ayala y Bermejos, Conde de Salvatierra, enfrontouse coa súa propia nai, Dona María Sarmiento, pola posesión do castelo, resultando el o vencedor. En 1521 o Conde abrazou a causa comuneira, dando lugar ao feito de armas coñecido como a Batalla de Ampudia entre os partidarios do emperador Carlos I de España e as tropas lideradas polo bispo Antonio de Acuña. En 1522, trala derrota comuneira, o emperador confiscou o castelo, pero pouco despois o devolveu á familia, aínda que a cambio de 20.000 ducados. En 1528 o castelo aloxou os fillos do monarca francés Francisco I, trala Batalla de Pavia, en calidade de reféns.
En 1597 asumiu a titularidade do señorío Francisco Gómez de Sandoval y Bermejos, Duque de Lerma e favorito do rei Filipe III, ao que atraeu en distintas ocasións á vila, converténdose o castelo en sede ocasional da Corte española. A partir de entón o castelo entrará nun longo período de abandono, o cal non impidiu á súa declaración como Monumento Histórico-Artístico Nacional en 1931. En 1960 o empresario galleteiro Eugenio Fontaneda, natural de Aguilar de Campoo, adquiriuno para a súa penúltima muller, a Condesa de la Granja, e acondicionouno como museo para a súa colección de obxectos de arte e antigüidades procedentes da conca do río Douro.
Descrición
Exemplo temperán de castelo-pazo señorial castelán, é unha xoia da arquitectura civil da rexión e presenta un magnífico estado despois da coidadosa restauración acometida nos anos sesenta por Eugenio Fontaneda. A edificación ten planta trapezoidal, posúe torres grandes nos ángulos, correspondendo o do sueste á torre da Homenaxe, e foso salvado mediante ponte levadiza. Está rodeado por un muro de barbacá con torres cilíndricas. A fachada está decorada con dous escaraguaitas ou garitas ornamentais e na porta principal colga o escudo do Duque de Lerma. O Patio de Armas ten tres pandas porticadas de tres pisos con arco escarzano, sendo o piso superior de proporcións máis pequenas.
Colección Eugenio Fontaneda
O interior acubilla a Colección Eugenio Fontaneda, distribuída en seis salas: Arqueoloxía (destacando unha colección de útiles de guerra da Idade de Bronce e outra de ronseis funerarios e miliarios da época romana); Arte Sacra (incluíndo talles dos séculos XIII a XV, mobiliario litúrxico e pinturas dos séculos XV a XVIII); Xoguetes; Armas e Aparatos Musicais; Farmacia; e Etnografía e Artes Populares. Abeirados nos flancos porticados do patio móstranse escudos nobiliarios, elementos arquitectónicos, pilas bautismais etc.
Véxase tamén
Ligazóns externas