Share to: share facebook share twitter share wa share telegram print page

Castelo de Praga

Castelo de Praga.

O Castelo de Praga (en checo: Pražský hrad) é un castelo situado na cidade de Praga dende o cal gobernaron diferentes Reis de Bohemia, Emperadores do Sacro Imperio Romano e presidentes de Checoslovaquia e da República Checa. A pesar dos sucesivos incendios e invasións, é un dos máis notables, suntuosos e emblemáticos vestixios do gran pasado histórico, cultural e social da capital da República Checa. Nel atópanse as xoias da Coroa de Bohemia.

De acordo co Libro Guinness dos Récords,[1] o Castelo de Praga é a maior fortaleza do mundo cunha área de case 70.000 m², sendo 570 metros de lonxitude e unha media duns 130 metros de ancho. O interior do complexo alberga a Catedral de Praga, o convento de San Xurxo, que contén arte antiga de Bohemia, a basílica de San Xurxo, o Palacio Real e galerías de pintura renacentista e barroca, entre outras moitas cousas. Foi remodelado polo arquitecto Jože Plečnik entre 1920 e 1934 a petición do primeiro presidente checoslovaco Tomáš Masaryk.

Historia

O Castelo en 1870.

A historia do castelo remóntase ao século IX, ao redor do ano 870. O primeiro edifico do complexo edificado foi a Igrexa da Virxe María. A Basílica de San Xurxo e a Catedral de San Vito foron fundadas pouco despois, cara a primeira metade do século X. A continuación fóronse construíndo diversas edificacións, primeiro foi aberto o primeiro convento de Bohemia xunto á igrexa de San Xurxo e no século XII construíuse o Palacio Románico. No século XIV, baixo o reinado de Carlos IV, o Palacio Real foi reconstruído en estilo gótico e a fortificación do castelo fortaleceuse. Como substitución da rotonda e posterior basílica de San Vito, foi iniciada a construción dunha grande igrexa gótica, a cal abrangue case seis séculos de obras. Durante as guerras husitas e décadas seguintes o castelo deixou de estar habitado, trasladándose a familia real cara ao castelo de Vyšehrad ao sur.

En 1485, o rei Ladislau II comezou a reconstruír o castelo, erixindo no Palacio Real o xigantesco Recibidor de Ladislau (construído por Benedikt Rejt). Ademais se construíron novas torres de defensa no lado norte do castelo. Medio século despois, en 1541, un gran incendio destruíu gran parte do castelo. Baixo a man dos Habsburgo foron construídos novos edificios de estilo renacentista. O emperador Fernando I construíu o Belvedere, un pazo de verán para a súa esposa Ana. Rodolfo II utilizou o Castelo como a súa residencia principal e na zona norte do palacio a Sala Hispánica, onde exhibiu a súa gran colección artística. Coa Segunda Defenestración de Praga de 1618 comezou a revolta de Bohemia e coa guerra a deterioración e danado do Castelo. Case medio século despois, en 1648, moitas das obras da colección de Rodolfo II foron saqueadas polos suecos durante curso da Guerra dos Trinta Anos. A última gran reconstrución do castelo foi levada a cabo pola raíña María Tareixa na segunda metade do século XVIII. Fernando V, despois da abdicación en 1848, escolleu o Castelo de Praga como a súa residencia.

En 1918 o castelo converteuse na sede do Presidente da nova República de Checoslovaquia. O novo Palacio Real e os xardíns foron renovados polo arquitecto esloveno Jože Plečnik. As renovacións continuaron até 1936 baixo a dirección do sucesor de Plečnik, Pavel Janák. Durante a ocupación nazi de Checoslovaquia durante a segunda guerra mundial, o Castelo de Praga converteuse na sede do "Protector do Reich de Bohemia e Moravia" Konstantin von Neurath e o seu adxunto, Reinhard Heydrich. Dise que Heydrich colocou a coroa de Bohemia na cabeza; vellas lendas din que un usurpador que poña a coroa na súa cabeza está condenado a morrer dentro dun ano. Menos dun ano despois de asumir o poder Heydrich foi asasinado. Despois da liberación de Checoslovaquia, pasou a albergar as oficinas do novo goberno comunista. Despois da división de Checoslovaquia entre a República Checa e Eslovaquia, o castelo converteuse na sede do Xefe de Estado da nova república.

Arquitectura

Sala de Ladislau.
Catedral de San Vito.
Vista aérea do complexo.

O Castelo de Praga foi reconstruído moitas veces durante o paso dos séculos, polo que representa practicamente tódolos estilos arquitectónicos do pasado milenio. O Castelo de Praga inclúe a gótica Catedral de San Vito, cuxo interior é un bo exemplo de arquitectura románica, a Basílica de San Xurxo, antigo mosteiro beneditino que alberga a maior colección do mundo de pintura do século XIV, e varios palacios, xardíns e torres defensivas. A maioría das zonas do castelo están abertas aos turistas. Hoxe en día, o castelo alberga varios museos, incluíndo a colección de arte barroca e manierista da Galería Nacional de Bohemia, unha exposición dedicada á historia checa, o Museo do Xoguete e a galería de fotos do Castelo de Praga, baseada na colección de Rodolfo II. O Festival de Verán de Shakespeare, o maior e máis antiga festival ao aire libre deste tipo en Europa, e lévase regularmente a cabo no patio do Palacio Burgrave.

Igrexas
  • Catedral de San Vito (Katedrála svatého Víta, Václava a Vojtěcha)
  • Basílica e Convento de San Xurxo (Bazilika svatého Jiří)
  • Igrexa de Tódolos Santos (Chrám Všech svatých)
  • Capela da Santa Cruz (Kaple svatého Kříže)
  • Igrexa da Virxe María (Kostel Panny Marie)
Palacios
  • Antigo Palacio Real (Starý královský palác)
  • Palacio Real de Verán ou Belvedere (Letohrádek královny Anny)
  • Palacio de Lobkowicz (Lobkovický palác]])
  • Novo Palacio Real (Nový královský palác)
Salas
  • Sala das Columnas (Sloupová síň)
  • Sala Hispánica (Španělský sál)
  • Galería de Rodolfo (Rudolfova galerie)
  • Sala Rothmayer (Rothmayerův sál)
  • Sala de Ladislau

A Sala de Ladislau é o maior dos espazos seculares (62m x 16m x 13m) na Praga medieval, e pertence ao espazo máis complexo estrutural e arquitectonicamente da Idade Media. Construída entre 1493 e 1502 por Benedikt Rejt, substituíu a un grupo de habitacións do terceiro andar do século XIV. Debaixo, no primeiro andar, hai un palacio románico e directamente debaixo del, no segundo andar, unha adición gótica construída en tempos de Carlos IV. A construción do complexo sistema de bóvedas de pedra, que abarcan 16 metros, foi unha das fazañas de enxeñaría da Baixa Idade Media.

Outras construcións
  • Torre Dalibor (Daliborka)
  • Torre da Pólvora ou Mihulka (Prašná věž)
  • Rúa de Ouro (Zlatá ulička)
  • Residencia do Burgrave (Purkrabství)
  • Sala Míčovna (Míčovna)
  • Escola de Equitación (Jízdárna Pražského hradu)
Xardíns
  • Xardín Real (Královská zahrada)
  • Xardín da escola de Equitación (Zahrada Na terase Jízdárny)
  • Xardín do Bastión (Zahrada Na Baště)
  • Xardíns do Sur (Jižní zahrady)
    • Xardín do Paraíso (Rajská zahrada)
    • Xardín das Murallas (Zahrada Na Valech)
    • Xardín Hartg (Hartigovská zahrada)
  • Foxo do Cervo (Jelení příkop)

Galería

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas

Kembali kehalaman sebelumnya