Share to: share facebook share twitter share wa share telegram print page

Castro da Subidá

Castro da Subidá
ParroquiaEntre San Xurxo de Mogor e San Xián de Marín
ConcelloMarín
ProvinciaPontevedra
Comunidade autónomaGalicia
Id. catálogo?
Cronoloxía
Datas de ocupaciónIdade de Ferro
Estado actualRegular
Extensión estimada3 ou 4 ha.
Véxase tamén
Castros de Galicia

O castro da Subidá está situado entre os lugares de Cidrás e As Sete Espadas, no alto da Porteliña, entre as parroquias de San Xurxo de Mogor e a de San Xián, sobre o val do Lameira cara ao nordeste e sobre o o val de Bagüín cara ao oeste. A denominación máis habitual é "Subidá", aínda que ás veces tamén se lle chama "castro da Porteliña". Nalgún caso pode aparecer escrito "Suvidá" ou incluso "Sividá", o que sería máis correcto etimoloxicamente, dado que o topónimo procede do latín civitatem[1].

Morfoloxía

Considérase que tería 3 ou 4 ha de superficie, aínda que este dato débese máis que nada a unha apreciación superficial e non a unha constatación arqueolóxica demostrada. Ten unha pequena croa ou acrópole de planta ovalada, con dous promontorios rochosos situados nos extremos norte e sur desta croa. Na bibliografía ás veces menciónase que estes promontorios formarían parte das defensas, a maneira de "torres" medievais. No sitio aparecen tamén varios petróglifos, algúns deles da idade de bronce, outros de cronoloxía indeterminada e outros do século XX, realizados polo curioso personaxe marinense Xosé Meijón. Outro dos factores que aportan importancia a este castro é o feito de que nel aparecesen varios cuncheiros, polo menos dous na ladeira oeste e un na ladeira leste. Algúns destes restos foron recollidos polo arqueólogo Antonio de la Peña Santos e foron estudados polo profesor de prehistoria e antropoloxía da Universidade de Santiago Xosé Manuel Vázquez Varela.

As vivendas castrexas esténdense sobre todo pola ladeira leste, e baixo delas hai os restos dun cuncheiro, se ben esta zona está alterada por varias canteiras para a extracción de pedra e outras obras menores, como un depósito de augas soterrado. Esta ladeira foi sondada a comezos da década de 1980 por Emilio Moledo Pérez e José Carlos Pascual Vázquez[2]. Na década de 1990 a zona foi danada por un desterro feito pola Deputación de Pontevedra na ampliación da estrada EP-1201. Entre maio e setembro de 2011 foi escavado de novo e restauráronse varias estruturas de habitación. No Museo de Pontevedra poden verse algúns dos materiais de bronce aparecidos no castro.

Notas

  1. En Galicia os castros que reciben un nome procedente de civitatem adoitan ser monumentos de especial importancia xeográfica, histórica ou arqueolóxica, onde os numerosos restos visibles en superficie deixaron unha pegada importante na memoria colectiva campesiña.
  2. MOLEDO PÉREZ, E. e PASCUAL VÁZQUEZ, J. C. 1982. «Nuevos materiales procedentes del Castro a Subidá (Marín)», El Museo de Pontevedra, XXXVI, páxs. 289-298 (ISSN 0210-7791).

Véxase tamén

Ligazóns externas

Kembali kehalaman sebelumnya