Share to: share facebook share twitter share wa share telegram print page

Clase social

Clase social é un tipo de estratificación social que forma parte dun sistema de clases. Rixese por diversos condicionantes, tal que:

Condicionantes

  1. A adscrición a determinada clase dun individuo determínase basicamente por criterios económicos, a diferenza do que sucede noutros tipos de estratificación social, baseados en castas e estamentos, onde o criterio básico de adscrición en principio non é económico (aínda que a adscrición a un determinado grupo poida implciar secundariamente condicionantes económicos).
  2. Xeralmente, para o conxunto de individuos que configura unha clase existen uns intereses comúns, ou unha estratexia social maximizadora do seu poder político e benestar social. En certos casos, cando un certo número de individuos se desentende dos intereses da súa clase social fálase de alienación.
  3. As condicións económicas que comportan a adscrición a unha ou outra clase xeralmente están determinadas polo nacemento e herdanza familiar. Así na maioría das sociedades os fillos das clases desfavorecidas ó longo da súa vida seguirán formando parte das clases desfavorecidas, e os fillos das clases máis acomodadas teñen maior probabilidade de ser parte durante o resto da súa vida da clase acomodada.

O conxunto das clases sociais e as súas relacións, forman un sistema de clases que é típico das sociedades industriaes modernas. Neste tipo de sociedade recoñécese unha maior mobilidade social que noutros sistemas de estratificación social. É dicir, tódolos individuos teñen a posibilidade de escalar ou ascender na súa posición social polo seu mérito ou outro factor. A consecuencia é a ruptura coas organizacións estamentarias onde cada persoa está localizada segundo a tradición nun estrato específico, normalmente para toda a vida. Malia estas posibilidades de ascenso, o sistema de clases non cuestiona a desigualdade en si mesma, sobre todo en países do terceiro mundo onde existen combinacións de clases e estamentos. A clase social á que pertence un individuo determina as súas oportunidades, e defínse por aspectos que non se limitan á situación económica. Tamén inclúen as maneiras de comportarse, os gustos, a linguaxe, as opinións... Mesmo as crenzas éticas e relixiosas adoitan corresponderse coas dun status social ou (posición social).

Un sistema de clases é por tanto, unha xerarquización colectiva, onde o criterio de pertenza vén determinado pola relación do individuo coa actividade económica, e principalmente, o seu lugar respecto dos medios de produción. Esta condición está estreitamente correlacionada coa herdanza familiar.

Clase social en Marx

En Karl Marx as clases sociais aparecen como antagónicas nun contexto histórico de conflito cuxo eixo central é a materialidade. Dese enfrontamento mediado pola historia xorde a loita de clases que é a manifestación mesma do conflito de intereses da posición dos individuos. Para Marx, na sociedade capitalista o capital está repartido de forma desigual entre as dúas grandes clases (proletariado e burguesía), favorecendo a estes últimos baixo un sistema feito á medidad dos seus intereses. Este sistema sería o capitalismo e o seu apoio teórico, o liberalismo Para superar esa explotación, o proletariado debíase unir superando as súas diferenzas xeográficas e culturais ("proletariados do mundo, unídevos" sentenciara na última páxina do Manifesto comunista) e descubrir a súa conciencia de clase para así superar a alienación e superar a loita de clases en dúas etapas:

  • Socialismo: proceso de concientización do proletariado e socialización progresiva da produción e a riqueza
  • Comunismo: Fin da loita de clases e socialización total da produción

Se ben o soño de Marx non se materializou, a súa dialéctica provocou un xiro total na política e a historia moderna. Porén, as transformacións sociais ó iniciar o século XX levaron a que apareceran novas achegas, entre elas as que foron realizadas por Weber.

Clase social en Weber

Max Weber contribuíu a atender a complexización social de occidente no século XX (aparición de capas medias, burocracia etc) e comprender desde unha lóxica da acción social e a racionalidade. É un erro ver a Weber coma o verdugo de Marx (como fixo crer a socioloxía funcionalista desde Talcott Parsons) aínda sendo este liberal e próximo ó mundo relixioso. A distancia está máis ben no enfoque máis reducionista de Marx (primacía do factor material-económico para explicar o capitalismo) algo que Weber trata de refutar a través das súas teses sobre o espírito protestante e a acción social, que é o individualismo en oposición á supremacía do colectivo, o social, de Marx.

"A socioloxía interpretativa ou comprensiva considera ó individuo e a súa acción coma a súa unidade básica. Coma o seu átomo, se podo permitirme empregar excepcionalmente esta discutible comparación (...) en consecuencia a teoría da socioloxía consiste en reducir estes conceptos a «accións comprensibles», é dicir, sen excepción, aplicables ás accións de homes individuais participantes"

Weber distingue entre “clases sociais”, “grupos de status” e “partidos políticos”, estratos distintos que corresponden respectivamente ás ordes económica, social e política.

  • As clases son unicamente unha das formas da estratificación social, atendendo ás condicións de vida material, e non constitúen un grupo consciente da súa propia unidade máis alá de certas condicións de vida.
  • Os grupos de status distínguense polo seu modo de consumo e polas súas prácticas sociais diferenciadas que dependen á vez de elementos obxectivos (os que despois Pierre Bourdieu chamaría capital social) e doutros puramente subxectivos como a reputación.
  • Os partidos políticos expresan e unifican en forma institucional intereses económicos e status sociais comúns.

O contexto histórico presenta a chegada dunha clase media xa fortalecida trala experiencia do fordismo e que se sumaría coma un actor de peso entre o proletariado e a burguesía, aínda que coa excepción de ser un estado de tránsito permanente. A complexización deste proceso, traspasou a súa carga teórica á socioloxía contemporánea (desde mediados dos 70), que se fixo cargo deste problema nun contexto de crise da sociedade moderna-industrial tal como se coñecera historicamente.

Clase social na socioloxía contemporánea

A nova complexización da sociedade desde fins do século XX ata o século XXI foi provocando encontros entre as posturas actualizadas de Weber e Marx (neoweberianos e neomarxistas) aínda que, por outra banda, continuaba a produción teórica máis ortodoxa do marxismo e a funcionalista contemporánea (que se asocia tecnicamente á xustificación do neoliberalismo), cuxa figura de maior peso sería Niklas Luhmann, quen baseou a súa revisión da teoría de sistemas nas teses do biólogo chileno Humberto Maturana (autopoiesis) que encontraxustificación case matemática na sociedade contemporánea a diferenza do resto das teorías sociais. Converxen neomarxistas e neoweberianos na complexización contemporánea das clases sociais, a desigualdade social crecente e o caos teórico producido na transformación do traballo. Entre os teóricos destacados da análise de clase contemporáneo están Goldthorpe, Olin Wright, Erikson e Dahrendorff.

Bibliografía recomendada

  • Goldthorpe, J. et. al. 1987. Social Mobility and Class Structure in Modern Britain. Second Edition. Oxford: Clarendon Press.
  • Erikson, R. e J. Goldthorpe. 1993. The Constant Flux: A Study of Class Mobility in Industrial Societies Oxford: Clarendon Press
  • Bourdieu, Pierre. 1984. La distinción. Madrid: Taurus
  • Crompton, Rosemary 1994. Clase y Estratificación. Una introducción a los debates actuales. Madrid: Tecnos
  • Wright, Erik Olin. 1983. Clase, crisis y estado. Madrid: Siglo XXI de España.
  • Wright, Erik Olin. 1992. Reflexionando, una vez más, sobre el concepto de estructura de clases. Zona Abierta, Nº 59-60. Madrid.
  • Parsons, Talcott, El sistema social, Alianza Editorial
  • Weber, Max, La ética protestante y el espíritu del capitalismo, Ed. Península
  • Weber, Max, Economía y sociedad. Esbozo de sociología comprensiva, Ed. FCE
  • Marx, Karl, Manuscritos de economía y filosofía Alianza Ed.
  • Marx, Karl, Elementos fundamentales para la crítica de la economía política (Grundrisse), I-III, Ed. Siglo XXI
  • Marx, K. e F. Engels (1848) 1998. Manifiesto Comunista Buenos Aires: Cuadernos Marxistas

Véxase tamén

Outros artigos

Kembali kehalaman sebelumnya