O Club Santos Laguna S.A. de C.V., coñecido como Santos Laguna, é un club de fútbol profesional da Comarca Lagunera, México. Compite na Liga MX.
Historia
O Santos Laguna foi fundado en 1983 e chegou á máxima división do fútbol mexicano tras comprar o Ángeles de Puebla, desaparecido en 2001. O club debutou na Primeira División na tempada 1988–89. Dende entón conseguiron seis campionatos: Inverno de 1996, Verán de 2001, Clausura de 2008, Clausura de 2012, Clausura de 2015 e Clausura de 2018. Chegou tamén ás finais na tempada 1993–94, no Verán de 2000, no Bicentenario de 2010, no Apertura de 2010 e no Apertura de 2011. Ademais gañou a copa mexicana no Apertura de 2014.
O Santos é o terceiro equipo de fútbol formado na rexión de Laguna, tras o Laguna Football Club e o Football Club Torreón. En 2018, o club celebrou o seu 35º aniversario cun cambio de escudo. En 2013 foi elixido coma o quinto equipo máis popular de México.[1]
O Estadio Corona, en Torreón, Coahuila, foi un dos estadios máis pequenos de México, cunha capacidade para 20.100 espectadores. Coñecido coma o Estadio Montezuma, inaugurouse o 2 de xullo de 1970 cun amigable entre o CF Torreón e o Guadalajara. O estadio foi demolido o 2 de novembro de 2009.
Novo Estadio Corona
O Santos Laguna xoga os seus partidos coma local no Estadio Corona, con capacidade para 30.050 espectadores. A construción comezou o 22 de febreiro de 2008 e rematou o 11 de novembro de 2009. Inaugurouse cun amigable entre o Santos Laguna e o Santos FC brasileiro, con vitoria por 2-1 do equipo local.