O Consello de Galiza foi unha entidade política galega que se constituíu o 15 de novembro de 1944 en Montevideo e que pretendía aglutinar os deputados galegos, por riba de partidos políticos, para dotar dun órgano político a Galicia no exilio e que pretendía actuar na práctica como un goberno galego no exilio, lexitimado polo Estatuto de autonomía que se sometera a plebiscito en 1936, pero sen chegar a constituírse formalmente como a Xunta que prevía o propio Estatuto.
Coa morte de Castelao o 7 de xaneiro de 1950 e o exilio de Ramón Suárez Picallo en Chile, o Consello de Galiza quedou orfo de figuras representativas. Para reactivalo os deputados Alonso Ríos, Suárez Picallo e Villaverde convocaron aos directivos das principais sociedades galegas a unha xuntanza o 11 de xullo de 1960 na sede do Centro Pontevedrés. Nesa reunión foi nomeado Antonio Alonso Pérez secretario xeral de coordinación do novo Consello de Galiza. Editaron o boletín Consello de Galiza.