O Consello de Garantías Estatutarias de Cataluña (en catalán: Consell de Garanties Estatutàries de Catalunya) é a máis alta institución xuridicoconsultiva da Generalitat de Cataluña. En virtude do artigo 76 do Estatuto de Autonomía de Cataluña de 2006,[1] correspóndelle velar pola adecuación das leis do Parlamento e as normas con forza de lei do Govern ao Estatut e á Constitución. Así mesmo, como garantía do autogoberno catalán, ten que ditaminar previamente á interposición diante do Tribunal Constitucional de recursos de inconstitucionalidade, conflitos de competencia e conflitos en defensa da autonomía local. O Consell exerce a súa función mediante a emisión de ditames xurídicos preceptivos e non vinculantes, a solicitude do Parlament, o Govern, o Síndic de Greuges ou as institucións locais. E, finalmente, tamén desenvolve un papel de especial tutela dos dereitos estatutarios, nos termos do artigo 38.1 do Estatut.
Coa finalidade de asegurar a independencia no exercicio das funcións que ten atribuídas estatutaria e legalmente, o Consell ten autonomía orgánica, funcional e orzamentaria.
O Consell de Garanties Estatutàries constituíuse o 24 de novembro de 2009 e sucede, con funcións máis amplas, o extinto Consell Consultiu (1980-2009).[2]
Funcións
De acordo co que establecen o artigo 76 do Estatut e o artigo 16 da Lei 2/2009,[3] o Consell de Garanties Estatutàries dictamina sobre:
A adecuación á Constitución dos proxectos e proposicións de reforma do Estatut d'autonomia antes que o Parlament os aprobe.
A adecuación ao Estatut e á Constitución dos proxectos e proposicións de lei sometidos a aprobación do Parlament, incluídos os de lectura única.
A adecuación ao Estatut e á Constitución dos decretos lei sometidos á validación do Parlament.
A adecuación ao Estatut e á Constitución dos proxectos de decreto lexislativo aprobados polo Govern nos supostos en que a lei de delegación estableza que o Parlament ten que efectuar o control adicional da lexislación delegada e antes que sexan publicados no Diari Oficial de la Generalitat de Catalunya.
A adecuación á autonomía local, garantida polo Estatut, dos proxectos e as proposicións de lei, e tamén dos proxectos de decreto lexislativo aprobados polo Govern.
Así mesmo, dictamina previamente a presentación do correpondente procedemento ante o Tribunal Constitucional, con relación a:
A interposición polo Parlament ou polo Govern dun recurso de inconstitucionalidade.
A formulación polo Govern dun conflito de competencia.
A interposición dun conflito en defensa da autonomía local, constitucionalmente garantida, nos supostos que indica a Lei orgánica do Tribunal Constitucional.
Composición e designación dos membros
O Consell de Garanties Estatutàries está integrado por nove membros, que deben ser xuristas de competencia e prestixio recoñecidos, con máis de quince anos de experiencia profesional, e deben ter a condición política de cataláns. Todos eles actúan con imparcialidade e son inamovibles por razón do exercicio do seu cargo. O seu mandato é por un período de nove anos, e non poden ser reelixidos.
Son nomeados polo President ou Presidenta da Generalitat mediante unha dobre vía de designación: seis elixidos a proposta do Parlament, acordada por maioría de tres quintas partes dos deputados e deputadas do Pleno, e os tres restantes a proposta do Govern. Un dos tres membros designados polo Govern é proposto polo Consello de Gobernos Locais.
O Consell de Garanties Estatutàries renóvase por terzos cada tres anos. Os seus membros elixen dentre eles, por un período de tres anos e renovable unha única vez, o presidente ou presidenta, o vicepresidente ou vicepresidenta e o conselleiro secretario ou conselleira secretaria do consell.