O Consello de Goberno de Melilla (en castelán: Consejo de Gobierno de Melilla) é o órgano colexiado da cidade autónoma de Melilla, que exerce as funcións executivas e administrativas que lle atribúen as leis. Está integrado polo Presidente, elixido pola Asemblea, e os Conselleiros que son nomeados e separados libremente por aquel en número non determinado.
O Estatuto de Autonomía de Melilla, aprobado por Lei orgánica de 13 de marzo de 2005 ao amparo do artigo 144, b) da Constitución, atribúelle as funcións de dirixir a política da cidade e as funcións executivas e administrativas en xeral e as sinaladas especificamente no estatuto ou delegadas polo Estado nos termos que o mesmo determine e que non sexan competencia da Asemblea. Tamén ten a potestade regulamentaria nas materias que lle son propias e cumpre as funcións de Pleno dun Concello.
O Presidente é elixido pola Asemblea e responde ante ela, coa moción de censura e a cuestión de confianza. O Consello cesa polo falecemento do Presidente, a dimisión do mesmo, a súa declaración de incapacidade, ao prosperar unha moción de censura por maioría absoluta ou non obter a confianza, tralo cumprimento do período para o que foi elixido ou coa celebración de eleccións. En todos os casos o Consello cesante quedará en funcións ata a elección do novo. A diferenza doutras comunidades autónomas, o Presidente non ten a facultade de disolver a Asemblea.
Véxase tamén
Outros artigos
Ligazóns externas