A coñecida como cultura dos campos de urnas ou cultura sorotáptica é un ritual da cultura indoeuropea da Idade de Bronce de Europa central, caracterizada polas súas necrópoles de incineración e a grande expansión que levaron a cabo no século -XIII.
Características
Os pobos indoeuropeos occidentais afincados ao norte dos Alpes compartían unha cultura común desde o século -XV (Cultura dos Túmulos). No século -XIII estenderase o costume da incineración e o depósito das cinzas nas características urnas. Coincidindo con este fenómeno cultural, estes pobos, entre os que se atopan os celtas, itálicos e ilirios, inician unha rápida expansión que os leva a conquistar gran parte dos Balcáns e porcións menores de Europa occidental. Tamén destruíron o Imperio Hitita, apoderándose do segredo da metalurxia do ferro. Posteriormente (s. XII) proseguiron as súas campañas por mar, atacando Exipto e colonizando Filistea. Case con certeza, estes centroeuropeos, xa helenizados, constitúen a misteriosa orixe dos dorios que invadirían Grecia no s. XI, destruíndo a civilización micénica (ver Micenas).
Hábitat
Adoitan ter defensas artificiais ou naturais, en ocasións ambas. As casas son realizadas maioritariamente en madeira e barro, con forma rectangular e trapezoidal
Enterramentos
O común é o rito de incineración. Hai tamén outras variantes:
Foxo escavado na terra, no que se deposita a urna.
Sen urna, directamente no foxo.
Urnas cubertas por círculos de pedras, cistas etc.
Túmulos planos rodeando a fosa.
Fosas grandes.
No enxoval adoita haber cerámica e metais. Ás veces, as necrópoles están delimitadas por recintos rituais, xeralmente fosos, de planta circular ou cuadrangular.
Economía
Hai abundancia de muíños de pedra, aixolas de bronce e fouces, tamén hai existencia de celeiros. Hai proliferación de oficios e especialización artesanal. Con respecto ao comercio, intensifícanse as relacións comerciais. Melloran os transportes, co uso do carro e do cabalo como animal de tiro.
Nace o comercio do sal e iníciase a produción de vidro.
A cerámica e a ourivaría experimentan un auxe, multiplicándose tamén os centros metalúrxicos.