Share to: share facebook share twitter share wa share telegram print page

Dadaísmo

O Dada ou Dadaísmo foi un movemento artístico xurdido en Europa (Suíza) e en Norteamérica en 1915, que se caracterizou por acenos e manifestacións provocadoras en que os artistas pretendían destruír tódalas convencións con respecto á arte, creando unha antiarte.

As intencións do grupo eran basicamente a internacionalización da arte e a propagación da arte abstracta. Archipenko era considerado unha guía irrefutable en cuestións plásticas.

Historia e características

Suíza, a partir do estalido da guerra en 1914, convértese nun centro de refuxiados pacifistas de toda Europa. Alí encontráronse tódolos disidentes doutras escolas previas, tales como o expresionismo alemán, o futurismo italiano ou o cubismo francés. Isto dá ó movemento Dada, a particularidade de non ser un movemento de rebeldía contra outra escola anterior, senón que se funda nun cuestionamento de todo o marco conceptual da arte e da literatura de antes da Primeira guerra mundial.

En 1916, en Zürich, un grupo de artistas instalaron nunha cervexaría un pequeno cabaré, tras varios encontros informais en distintos cafés, e empezou a tomar forma a idea de crear un cabaré internacional ó que bautizaron como Cabaré Voltaire. Alí reuníronse os alemáns Hugo Ball (filósofo), Hans Richter, Richard Huelsenbeck e Emmy Hennings;[1] os romaneses Tristan Tzara (poeta) e Marcel Jank (pintor); e o pintor alsaciano (logo francés) Jean Arp. Este conxunto de artistas e intelectuais comezaron a colaborar nunha serie de actividades que tiñan lugar no cabaré e editaron a revista que levaría o nome de "Dada".

A primeira celebración tivo lugar o 5 de febreiro de 1916 no Cabaré Voltaire, e consistiu nun espectáculo de variedades con cancións francesas e alemás, música rusa, música negra e exposicións de arte.

A orixe do termo Dada é confuso e controvertido.

  • De acordo coa versión de Tzara e Ball, o termo dadá xorde da casualidade. O nome Dadá achárono, casualmente, Ball e Huelsenbeck nun dicionario, mentres buscaban un nome artístico para unha das cantantes. Abrindo as páxinas do dicionario coa axuda dun coitelo, a palabra sinalada foi Dadá, que viña a significar:
O primeiro son que di o neno expresa o primitivismo, o empezar dende cero, o que a nosa arte ten de novo.
  • De acordo con outras versións, foron os camareiros do Café Terrasse, lugar onde se acostumaban a encontrar estes artistas centroeuropeos, quen identificaron primeiramente ó grupo como dada: para eses camareiros, as linguas faladas por aqueles emigrados eran incomprensibles, salvo a sílaba "da-da" ("si, si", en ruso e outras linguas)

Nese mesmo ano, 1916, publicouse un panfleto titulado Cabaré Voltaire, con achegas de Guillaume Apollinaire, Filippo Tommaso Marinetti, Pablo Picasso, Amedeo Modigliani e Wassily Kandinsky. Na cuberta aparecía un debuxo de Jean Arp.

En 1917 inaugurouse a Galería Dadá e Tristán Tzara comezou a publicación do periódico Dadá. En Nova York, Marcel Duchamp e Francis Picabia, ós que se lles achega Man Ray. Por esas datas, xunto co galerista Alfred Stieglitz, comezan a publicación dunha revista chamada 291 (o número do apartamento da Quinta Avenida en que se situaba a galería). Ambos artistas adoptaron actitudes iconoclastas similares ás do grupo de Zürich. En 1918, Picabia, tras reunirse ó seu paso por Barcelona coas forzas de Cravan, Gleizes e Laurencin, reúnese co grupo de Zürich en Lausana.

En 1917 Huelsenbeck establece o movemento dadaísta en Berlín con George Grosz e Raoul Hausmann. En 1918 o movemento toma forma tamén en Colonia baixo as directrices do periodista Baargel e o pintor Max Ernst, ós que se uniu Jean Arp. Pola súa parte Tzara volveu a París en 1920 e puxo en marcha moitas actividades e manifestacións dadaístas coa colaboración de André Breton, Paul Éluard, Soupault e Aragón.

Dende o principio, Dadá artellouse máis ben como un movemento activista de destrución das vellas tradicións. En Alemaña foi un movemento de protesta social de tendencia nihilista. Moitos dos seus actos foron cancelados pola policía ou acabaron en escándalo como a presentación de Duchamp en Nova York, na exposición dos Independentes, un urinario ó que titulou "Fountain" ("Fonte"), firmado co pseudónimo de R. Mutt. Outro caso destacado foi o streaptease de Arthur Cravan, borracho, ante unha exquisita audiencia no que supostamente ía ser unha conferencia.

En certo modo, o dadaísmo desvirtuouse cando se converteu no movemento de moda do París de 1923.

Dadá en Zürich (1915-1918)

Na cidade suíza é onde o Dadá ten un aspecto máis de movemento artístico:

...estabamos á busca dunha arte elemental que salvaría á humanidade da loucura daquela época... Jean Arp

Ó tempo que se desenvolvían as escandalosas veladas do Cabaré Voltaire, Arp, Richter e Janco estaban á busca dunha arte abstracta. Arp pretendía que esta fose anónima e colectiva.

Por entón, Arp empezou a facer relevos, colaxes e bordados nos que xa empezan a aparecer as formas xeométricas e orgánicas características da súa obra. Desenvolveu algúns métodos de facer arte que pouco máis tarde terían un papel decisivo no desenvolvemento do surrealismo: ciscar tinta sobre un papel (automatismo), romper un debuxo e deixar que os anacos ó caer cren unha nova composición ó azar etc.

Pola súa parte, o poeta Hugo Ball realizou algunhas lecturas dos seus poemas que son un preludio dos happenings e as performances que se desenvolverían como formas de arte a finais dos anos sesenta. Aínda na actualidade, xa no século XXI, baixo outras tendencias artísticas, continúan a considerarse como manifestacións artísticas.

A chegada a Zürich en 1918 de Picabia puxo fin á primeira época de Dadá nesa cidade. En setembro de 1918 Picabia expón xunto a outros dadaístas na Galería Wolfsberg pinturas nas que incorporou palabras coa intención de sacar o tema do cadro fóra da propia superficie da tea. Amais das obras de Picabia, na Galería Wolfsberg puidéronse ver, por primeira vez, en Zürich, os traballos cos que contribuíran Marcel Duchamp e Man Ray ó movemento.

Así a todo, a maior contribución de Picabia a Dadá en Zürich é a revista 391. Publicada primeiro en Barcelona e logo en Nova York, era, en palabras de Hans Richter:

...unha completa agresión contra todo e contra todos.... Richter

Tamén en 1918 se publica o Manifesto Dadá de Tzara, que atraeu o interese de André Breton en París. Como consecuencia uniuse ó dadaísmo o grupo Literature.

Dadá en Nova York (1915-1920)

Duchamp, Picabia, Jean Crotti, como europeos refuxiados, xunto cos americanos Man Ray, Morton Schamberg e outros dan vida ó dada neoiorquino.

A primeira guerra mundial tamén levou a Nova York a grupos de artistas refuxiados. Entre eles hai que destacar a Duchamp e Picabia.

Duchamp chegou a Nova York de París cun regalo para o coleccionista Walter Arensberg que consistía nunha bola de cristal con aire de París. Era o comezo dos ready-mades (unha roda de bicicleta montada sobre un tallo, un botelleiro, un ouriñal etc.), obxectos sacados da realidade e postos na esfera da arte pola simple acción e vontade do artista. O deleite estético estaba fóra das súas intencións e a elección dos obxectos:

...se baseaba nunha reacción de indiferenza visual, coa total ausencia de bo ou mal gusto...de feito unha completa anestesia.... Duchamp.

Estes refuxiados se integraron coas correntes vangardistas que dende comezos do século se estaban xestando en Harlem, Greenwich Village e Chinatown. Porén, en Nova York non existía o clima de refuxiados políticos da cidade suíza, o espírito iconoclasta. A maioría de artistas dadaístas tiñan un pensamento baseado no nihilismo.

En 1913 tivo lugar en Nova York a Exposición Internacional de Arte Moderna, máis coñecida como o Armory Show. Alí, o Espido descendendo unha escaleira de Marcel Duchamp causou auténtica conmoción e foi cualificada como obra mestra por Breton. Duchamp converteuse na besta negra da arte moderna, e pasou á historia como un dos artistas máis enigmáticos e intelixentes.

A obra máis importante de Duchamp é A casada espida polos seus solteiros, coñecida como O gran vidro. Nesta obra, entre outras cousas, Duchamp utiliza técnicas en que pon de manifesto a súa preocupación pola corrección matemática no uso das formas. A peza está precedida no seu proceso de realización por multitude de debuxos en que calculou tódolos detalles con precisión matemática, coma se se tratase dunha máquina. Tamén utiliza o azar ó admitir como parte da peza as roturas que esta sufriu en 1923, cando foi trasladada a unha exposición en Brooklyn. Duchamp dixo que aquilo non alteraba a peza, senón que era entón cando a daba por acabada.

Duchamp, a partir de 1921, abandona a arte para dedicarse ó xadrez.

Man Ray desenvolveu o dadaísmo en pintura, fotografía e na fabricación de obxectos antiarte. Hans Richter defíneo como un inventor pesimista, xa que transformaba obxectos que o rodeaban en obxectos inútiles, creaba obras con subtítulos como obxecto para ser destruído, ou facía fotografías sen cámara.

En marzo de 1915 nace a revista 291, publicación da revista 391 por Picabia e Stieglitz. O nome da revista tomárono do número da casa ocupada por unha galería de arte na Quinta Avenida. A revista pon sobre a mesa as ideas da antiarte: unha absoluta falta de respecto por tódolos valores, liberación de tódolos convencionalismos sociais e morais e destrución de todo aquilo que se coñece como arte. Para Duchamp e Picabia a arte está morta; Dadá quería a desintegración da realidade e os ready-mades non son arte senón antiarte.

En torno ó fotógrafo Alfred Stieglitz, á súa galería e ás súas revistas Camera Work e Camara Notes empeza a desenvolverse toda a corrente antiarte. Para Stieglitz e os fotógrafos mozos do movemento Photo Secession, a fotografía podía ser tamén vista e feita como arte e non como un simple medio de reproducir a realidade. Así, Stieglitz converteuse nun dos precursores da fotografía moderna.

Dadá en Berlín

En Alemaña o Dadá adquire un cariz máis marcadamente político. Ideoloxicamente, as posturas dos artistas dadaístas eran comunistas e, nalgúns casos, anarquistas. Tras a guerra, Alemaña entra nunha crítica situación. Tras a revolución bolxevique, o partido Espartaquista alemán ensaia tamén a revolución en Alemaña. En toda esa axitación social xorde o movemento dadaísta no país.

Procedente do grupo de Zürich, Richard Huelsenbeck, trae a Berlín o espírito dadaísta, pero moito máis radical contra anteriores escolas vangardistas coma o futurismo ou o cubismo. En 1918, no Salón da Nova secesión, Huelsenbeck dá o primeiro discurso Dadá en Alemaña. Solidarízase, en primeiro lugar, cos dadaístas de Zürich, para despois atacar violentamente o cubismo, o expresionismo e o futurismo. Pouco despois elaborou o primeiro manifesto dadaísta en Alemaña. Huelsenbeck, co poeta Raoul Hausman, promove declaracións e manifestos a partir do "Dada Club".

Ó club Dadá uníronse Kurt Schwitters, Georg Grosz e os irmáns Herfelde. O pintor Georg Grosz tiña marcadas tendencias políticas.

A constitución da República de Weimar en 1919 marca a fin dos proxectos políticos dadaístas e a resituación deste grupo nos marcos artísticos.

O movemento dada berlinés pasará á historia pola incorporación das novas técnicas artísticas de difusión de ideas entre as masas, principalmente a fotomontaxe. Os dadaístas utilizaron esta técnica para plasmar a realidade que os circundaba, para o que utilizaban material visual sacado dos medios de comunicación.

Notas

  1. Greeley, Anne. "Cabaret Voltaire". Routledge. Consultado o 31 de xullo de 2019. 
Kembali kehalaman sebelumnya