Daniel Bernard Weisweiller, nado en Frankfurt en 1814 e finado en París o 13 de xaneiro de 1892, foi un banqueiro español de orixe xudía-alemá.
Traxectoria
Naceu nunha familia de ascendencia xudía. A temperá idade pasou a traballar para a recoñecida casa Rothschild. Cara a 1835 marchou á Madrid para traballar ás ordes de Lionel Rothschild, quen lle deu plenos poderes para actuar en nome da casa Rothschild. En pouco tempo revelouse como un home activo e eficaz, que sabía moverse entre os círculos políticos e financeiros de Madrid. Como sinalou o historiador Niall Ferguson, Weisweiller era «o axente máis importante dos Rothschild na década de 1830». A través dos seus contactos emprendeu negocios en diversos sectores.
Xa en 1838, mediante as súas influencias, fíxose cun importante contrato para o comercio do mercurio español, procedente das minas de Almadén. Con todo, non tardou moito en empezar a soportar unha gran carga de traballo, polo que en 1848 foi enviado desde Viena outro empregado da casa, Ignacio Bauer, para que o apoiase neste labor. Desde ese momento, tanto Weisweiller como Bauer actuaron como representantes de Rotschild en España. Outro dos seus grandes éxitos empresariais foi o ferrocarril. Weisweiller tería —xunto a Bauer— un importante papel na fundación da Compañía dos Ferrocarrís de Madrid a Zaragoza e Alacant (MZA), e o seu posterior desenvolvemento. Posteriormente, chegou a ser membro do consello de administración de MZA. Nos seus últimos anos viviu retirado dos negocios, falecendo en 1892.
Coa súa morte, Bauer asumiu en solitario a representación de Rotschild en España.
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
Outros artigos