David Lyndsay, nado arredor de 1490 e morto aproximadamente en 1555, foi un escritor e diplomático escocés.
Traxectoria
Non se sabe con certeza pero crese que estudou na Universidade de St Andrews cando mozo, máis tarde entrou na corte, foi profesor e conselleiro de Xaime V de Escocia. En 1522 casou con Janet Douglas, unha costureira da corte, en 1529 obtivo o posto de Lord Lyon King of Arms, o presidente do tribunal que regula os asuntos heráldicos en Escocia. Asumiu tamén diversas misións diplomáticas nos Países Baixos, Dinamarca, Francia e Inglaterra.
A súa poesía ten un cariz alegórico e satírico escrita coa finalidade de sinalar erros e abusos, criticando a todos os estamentos, e aínda que simpatizaba con moitos dos postulados calvinistas e criticou severamente ao sacerdocio católico non hai evidencia que deixase a Igrexa Católica. O seu primeiro poema The Dreme data de 1528 pero non se publicou ata despois da súa morte, é un poema alegórico que reflicte a realidade da Escocia do seu tempo, escrito como unha admonición ao rei para resolver os problemas dos seus súbditos. En 1529 escribiu The Complaynt and Publict Confessioun of the Kingis Auld Hound callit Bagsche. As súas obras máis coñecidas son Ane Pleasant Satyre of the Thrie Estaitis, no que ataca directamente os abusos eclesiásticos baixo unha forma dramática que lle permite un tratamento máis vivo, representándose en 1540 coa presenza do rei e Ane Dialog betwix Experience and ane Courteour of the Miserabyll Estait of the World.