Share to: share facebook share twitter share wa share telegram print page

De catro a catro

De catro a catro
Portada interior da primeira edición de 1928
Título orixinalDe catro a catro. Follas sin data dun diario d'abordo
Autor/aManuel Antonio
Ilustrador/aCarlos Maside
OrixeGaliza
Linguagalego
Xénero(s)Poesía
EditorialEditorial Nós
Data de pub.Marzo de 1928
Páxinas49
editar datos en Wikidata ]

De catro a catro. Follas sin data d'un diario d'abordo é un libro de poesía de Manuel Antonio publicado en marzo de 1928 pola Editorial Nós. É a única obra que o autor publicou en vida, e está considerado a súa obra por excelencia. Son 19 poemas que reflicten unha travesía marítima, desde Intencións ata Adeus, dominada polo estatismo e a quietude, sen avance temporal nin espacial. Na paisaxe predominan os astros e o horizonte nun ambiente nocturno, negativo. A estética é vangardista, creacionista, e o vocabulario é mariñeiro e técnico-culto. O tema central é a soidade do eu, moi ben expresada en Sos, o poema central deste libro considerado o poemario capital da vangarda galega.[1]

Ao capitán
D. AUGUSTO LUSTRES RIVAS
C'a lembranza d'as navegacións
feitas ao par

—   dedicatoria

Características

Texto íntegro, en PDF.

De catro a catro é o primeiro poemario integramente vangardista, en concreto creacionista, da literatura galega. Por mor disto, De catro a catro converteuse nun fito literario pois achega unha poética diferente daqueloutra que consagraba as formas e contidos tradicionais, marcando un antes e un despois na historia da literatura galega.

Desde a propia perspectiva das vangardas, véñense citando no libro as influencias de autores como Vicente Huidobro ou Pierre Reverdy. En boa medida, é posible subliñar a presenza dun texto fundamental nas concepcións poéticas de Manuel Antonio: trátase do libro titulado La poésie d´aujourd´hui, un nouvel état d´intelligence (1921), de Jean Epstein, que o poeta rianxeiro traduciu —ou comezou a traducir— ao galego. A procura do "novo" —para alén de toda estética—, o traballo intelectual por parte do lector, a ruptura da lóxica e a supresión da secuencia espazo-temporal son elementos definidos por Epstein e que Manuel Antonio soubo incorporar no seu traballo.

Doutra parte, De catro a catro mostra igualmente un proceso de traballo da linguaxe excepcional: a capacidade por incorporar o léxico mariñeiro —mesmo dialectal— a un discurso onde, ao tempo, figuran anglicismos, xermanismos... a presenza dunha linguaxe técnica, infrecuente na arte poética, dan boa medida do afán de preocupación formal por parte de Manuel Antonio.

Estrutura

O libro consta de dezanove poemas que foron escritos nos anos 1926 e 1927 cando o rianxeiro, embarcado no pailebote Constantino Candeira,[2] percorreu as augas do mar Mediterráneo e presenta, polo mesmo, un fío común experiencial que se fai patente no subtítulo Follas sen data dun diario de abordo e na estrutura da obra, xa que os poemas están circunscritos a un ámbito que se abre mediante o primeiro texto, "Intencións" (en que Manuel Antonio soña co que acontecerá nas futuras singraduras), e un último, "Adeus", en que se despide do Constantino Candeira. Esta idea veríase reforzada por unha serie de poemas que marcarían os puntos da travesía: Travesía, Recala, Navy Bar, Garda de 12 a 4.


Tema

O tema central sería a soidade do suxeito[3] (o “eu” e o “nós”), unha soidade no espazo (o mar) e no tempo (eternizado e repetido). O actor suxeito abandona o mundo coñecido e protector da beiramar, ao que volverá ao rematar a navegación, a travesía achégalle un conxunto de experiencias nun mundo novo que debe descifrar[4].

O suxeito tenta saír desa situación pero nunca o dá conseguido. Este aspecto repítese en diferentes motivos: a nostalxia, a saudade, a despedida, o abandono, a carencia, o fracaso, o suicidio, a morte.

As palabras clave no libro son Mar - aparece 20 veces-, vela/s -15 veces-, mesmo/a -14-, sol -11-, estrela/s -11-, ronsel- 9-, mariñeiro -7-, barco -7-, adeus -7-, sempre -5-, velamio -4-, naufraxo -4-[5].

O barco é o “eu” do poeta, identifícase con el, é o símbolo nuclear e pode deixar paso á tripulación, o “nós”. A navegación, a travesía, a singradura son a vida que avanza. Ademais na maioría dos poemas está a noite coa contemplación do seu mundo astral: a Lúa e as estrelas. Falta o Sol, que é a vida e o dinamismo; e aboia a frustración, a soidade, o estatismo, o naufraxio nocturno.

Tamén é importante o vento, se está presente move as velas e hai dinamismo, se está ausente predominan a quietude e o estatismo.

Tempo e espazo

Tempo e espazo van sempre xuntos nos poemas, constrúense sobre a negación da travesía e do avance temporal, 14 veces se repite a palabra mesmo.

Ao observar os tempos verbais vese que hai unha mestura de tempos, o que provoca que non haxa progresión nin cronoloxía. Tampouco abundan os adverbios temporais que sinalen o avance. É de día ou de noite, predomina o ambiente nocturno que recalca o abandono e a soidade. Son diferentes momentos que se repiten, circulares.

O espazo é o Mar (en maiúsculas, a palabra tema) e tamén o barco, máis concretamente a mar aberto, lonxe da terra. Nalgún momento achégase a terra, o que tampouco trae nada novo, é outra ilusión fanada. En 1928 escribiu Xosé Otero Espasandín na revista Nós:

De catro a catro é a rebelión dun mar non visto aínda por ninguén. Un mar puro sen ribeiras nin costas, perdido entre as constelacións.

En 1975 Ricardo Carballo Calero escribía[6]

O tema é o mar, un mar visto cunha óptica desrealizadora que o fantasmagoriza. É un mar preferentemente noiturno, sobre o que paira un ceo escintilante de estrelas. Mais estas mariñas intertrocan olas e nubes, mastros e astros, nunha anxélica confusión.

Este mar que pretende mostrar o autor está lonxe da contemplación tranquila da paisaxe mareira [7]. É un espazo á vez infinito e pechado en si mesmo porque os termos que indican luz e a mobilidade están coutados polos verbos: fenestras pechadas, puntos cardinais desviados, arroaces desorientados. Ademais os adxectivos negativos reforzan esta idea: frustrado, desarborada, abolidos, defraudados.

Mar e terra opóñense entre si. A terra é estatismo, seguridade e protección materna [8]. O mar é dinamismo, aventura, singradura. O poeta parte no primeiro poema (“intencións”) e regresa no último (“adeus”). Mais sen espazo e sen tempo todo quedou en silencio e soidade (cada un dentro da súa alta mar) e a travesía non foi máis ca un continuo naufraxio.

Vangardismo

A principal pegada vangardista no libro é o creacionismo. Tamén hai algúns trazos que o apartan do vangardismo: restos de rima nalgúns poemas, presenza do suxeito poético anulando o distanciamento entre o obxecto poético e o suxeito lírico, e a paisaxe que reflicte os sentimentos do autor.[9]

As imaxes son o principal elemento vangardista, imaxes creacionistas que" crean" unha nova realidade e baseadas ás veces na prosopopea. A continua xustaposición de imaxes aséntase na ruptura da orde cronolóxica presentando a realidade desde diferentes puntos de vista e fragmentando a perspectiva.

Tamén é vangardista a disposición gráfica con espazos en branco, trazos e sangrías. Outro dos elementos modernos e rompedores é o léxico utilizado nos poemas: estranxeirismos, léxico culto técnico, léxico específico dos mariñeiros. O mesmo podemos dicir dunha das armas destrutivas das vangardas, a ironía, que Manuel Antonio emprega en varios poemas. E o máis importante, a supresión da secuencia espazo-temporal e a cadea lóxica.[10]

De catro a catro converteuse no poemario máis emblemático da vangarda galega polo que supuña naquel momento de renovación poética e de asimilación do espírito vangardista aínda que o individualismo de Manuel Antonio o encamiña cara a unha lectura humanizadora.[11]

Análise

O pailebote Constantino Candeira en 1918, nel estivo embarcado Manuel Antonio en 1926 e 1927.[12]

O profesor Manuel Castelao explicou amplamente todos os poemas deste libro[13].

Título

De catro a catro pode interpretarse como calquera destas tres opcións ou mesmo como as tres á vez:

  • 4 é o número dos puntos cardeais, das mareas, das estacións do ano (que teñen que ver co mar)
  • Pode ser o horario das gardas mariñas de 12 horas de traballo e 12 de lecer (sempre igual, monotonía): de 4 a 4
  • De 4 a 4, sempre o mesmo, idea circular, inmóbil
Subtítulo

Follas sen data dun diario de abordo: unha bitácora, un diario de navegación. Mais os poemas están moi lonxe de seren unha tradicional bitácora que recolle as incidencias da travesía, da navegación. Non está recollida a vida do mariñeiro nin os seus traballos, nin a singradura —só unha vez aparece Vigo—.

Cada poema é unha sucesión de imaxes vangardistas partindo da paisaxe e elementos do mar, dun mar que ten que ser interpretado polo lector.

Son follas soltas, sen datar, repetidas, que valen para calquera día. Ao longo do libro repite varias veces a palabra “follas” porque son escritos, literatura.

"Intencións".
Intencións

O poema é un resumo do libro, as intencións e as ilusións que a travesía marítima lle deparan ao poeta. Por iso os verbos dos primeiros versos de cada estrofa están en futuro.

O ton xeral do poema é ambiguo, pode interpretarse como ilusionante (o que depara o futuro) ou decepcionante. O ambiente é nocturno como na maioría do libro e predomina a adxectivación negativa.

Nesta travesía, os poemas do libro, o atormentado corazón do poeta tentará agarrarse á ilusión:

  E cazarémo-la vela
sobre o torso rebelde das tormentas
pra trincar a escota dunha ilusión.

Achégase á vangarda na xustaposición de imaxes, na técnica creacionista, no léxico extrapoético, mariñeiro e técnico; na ausencia de ritmo, no ton prosaico, a ausencia de signos de puntuación e a disposición gráfica. Achégase á tradición poética na presenza do suxeito poético, nos restos de rima, nas imaxes ligadas á realidade.

  • Texto completo e explicacións[14]
A fragata vella
"Vella fragata" (despois "A fragata vella") foi publicada (con algúns erros) en Galicia, diario de Vigo o 25/7/1926.

No segundo poema o protagonista é o barco veleiro que vai acompañar o poeta na travesía, outra vez se identifica co barco e diríxese a el cun ti apelativo. Mais xa é un barco vello, o tempo que pasa, os “vellos mariñeiros”. Na fragata está todo o pasado, é onde navegan os seus sentimentos.

No poema anterior predominaban os futuros, neste os presentes-pasados-presentes.

Na última estrofa é clara a identificación do poeta co barco:

Nese teu corazón innumerábel
tamén enchen e devalan
as mareas do meu corazón

O poema achégase á vangarda coas imaxes vangardistas xustapostas, o léxico extrapoético, mariñeiro e culto, a ausencia de ritmo, o ton prosaico, a falta de signos de puntuación e a disposición gráfica. Son restos máis tradicionais: a presenza do suxeito poético eu, os restos de rima e as imaxes ligadas á realidade.

  • Texto completo e explicacións[15]
Travesía

Despois das intencións e do veleiro, a protagonista é a travesía, a viaxe marítima do poeta. Esta travesía vaise identificar coa propia vida do poeta e vai ser repetitiva e cíclica porque todos os días son iguais, nada varía e o Mar, a costa son sempre o mesmo e róubannos a posibilidade de evadirnos.

Mais o mar e a costa desapareceron e o barco queda nunha navegación baleira e inédita. Non hai mapa, estamos extraviados: monotonía, estatismo, nada cambia. Aumenta a sensación de soidade porque xa non temos nin o pasado, polo que a desorientación é total: os puntos cardinais a mercé dos ventos, o temoneiro pon proa a ningures.

Desde o principio hai un xogo de tempos: presente, pasado e futuro (toda a travesía).

O poema remata cun pretérito –“asumiu”- para pór un final absoluto á idea de tedio e aburrimento:

 O minuteiro
(tic-tac)
asumeu o compás das travesías.

Relacionan o poema coas vangardas as imaxes xustapostas, o léxico extrapoético, mariñeiro, culto e técnico, os estranxeirismos, a ausencia de ritmo, o ton prosaico, a falta de puntuación, a disposición gráfica e outros elementos: parénteses, onomatopeas, ironías. Son máis tradicionais as imaxes ligadas á realidade e a presenza do suxeito poético.

  • Texto completo e explicacións[16]
Os cóbados no varandal
Gravacións de son externas
"Os cóbados no barandal" na BVG

No cuarto poema o poeta apóiase na varanda e contempla a inmensidade do Mar, pensa no sol que vai saír, nas estrelas e na lúa, nos paxaros que planean, nas nubes, no ronsel. Estes son os elementos que ve desde a balaustrada e lle van suxerindo as imaxes que outra vez reflicten a súa soidade. O tempo é presente e futuro. Segue o ambiente nocturno, a madrugada, o extravío.

Neste poema o Mar está visto desde unha perspectiva moderna, o mar que é vida convértese nunha gaiola, en falta de liberdade. Na inmensidade do mar é onde un se sente máis só, máis pechado en si mesmo:

 E armaremos unha rede de ronseles
pra recobrar as saudades
co seu viaxe feito
polos oucéanos do noso corazón.

Mantense da tradición poética o eu poético, as imaxes ligadas á realidade e algún resto de rima. Ligan o poema coa vangarda as imaxes xustapostas, o léxico extrapoético, a ausencia de ritmo, o ton prosaico, a falta de puntuación, a nota a pé de páxina e a introdución de elementos ensaísticos.

O poema foi musicado por Maite Dono en Corazón de Brief, 1998.

  • Texto completo e explicacións[17]
Sos
Vídeos externos
"Sos" interpretado polo grupo Aerials
"Sos" recitado por Víctor Freixanes

Está considerado como un dos grandes poemas da literatura galega, á par de Negra sombra. O título indica o argumento, a trama do poema. Todo o texto é como unha longa presentación de diapositivas de fondo marítimo dedicadas á soidade.

A soidade do poeta é progresiva, só o acompañan o Mar (en maiúsculas) e o barco, os símbolos principais do libro, a terra queda lonxe. O suxeito plural, a soidade do poeta faise soidade de todos:

 Fomos ficando sós
o Mar o barco e mais nós.

O ambiente é nocturno, non hai luz de sol e non hai movemento do barco veleiro pola ausencia de vento.

Todo é unha longa enumeración de abandonos desde as primeiras referencias paisaxísticas, expresión sintética que reforza a idea de soidade absoluta: o título e a última palabra: “sos ... nós” ou “nós sos”:

  E ficamos nós sós
sin o Mar e sin o barco
nós.

Trazos máis vangardistas son as imaxes xustapostas, o léxico extrapoético e mariñeiro, a falta de ritmo, o ton prosaico na segunda parte do poema, a ausencia de signos de puntuación e a disposición gráfica na estrofa final. Trazos da poética máis tradicional son a presenza do suxeito poético, as imaxes ligadas á realidade, os restos de rima, a anáfora e certo ritmo.

...Ao afogado

O poema fora xa publicado en 1916 como Ao mariñeiro afogado.

Utilizando o ti apelativo o poeta dialoga co mariñeiro afogado (desdobramento de si mesmo) e vaille enumerando as perdas que a morte achega: a perda da vista, dos ollos que miran ao lonxe e ao fondo (lonxanías e profundidades), ollos devorados polas profundidades —o elemento visual—. Tamén se perdeu a fala, a súa voz como se a levase un remuíño nunha furna —o elemento auditivo— Tampouco queda a vida, os ánimos, a forza —o elemento anímico—. O vento xa non é vida, está asociado á morte, angaza cadáveres no mar.

E remata:

  A noiva goleta
enloitada de branco
que cose roitas esquecidas
acena no vento as súas velas
como ese pano das despedidas.

As tres primeiras estrofas son paralelísticas e anafóricas e nelas néganse a vida e o espazo. A soidade non deixa máis remedio que a morte, o suicidio. O vento non trae máis que cadáveres que son despedidos polas velas —noivas enloitadas—.

É o único poema no que non aparece o nós poético.

A tradición poética está presente nas imaxes ligadas á realidade, nos restos de rima, as anáforas e un certo ritmo nalgúns versos. Trazos máis vangardistas son as imaxes polipétalas, o léxico extrapoético e mariñeiro, a ausencia de signos de puntuación e a disposición gráfica.

  • Texto completo e explicacións[19]
Garda de 12 a 4

O título fai referencia á garda do mariñeiro no barco.

A media noite, no comezo da garda (as 12) está agochada na Lúa, que é como un barco con velas:

  Envergada nun mastro da Lúa
agárdanos a meia noite

O toque da campá que marca o comezo da garda perdeuse polo mar, a navegación alimenta ausencias, deixa atrás despedidas. Estamos desorientados, perdidos e sos, sen rastro, ata o pasado nos abandonou. As luces dos astros marcan o espazo mariño da travesía, da descuberta. Seguen acompañando o tempo as luces: faro, tormenta, astros. Sen vento o barco queda e o que marchan son as horas.

A estrutura superficial lévanos a unha garda nocturna, na que o tempo empeora e chega a tormenta, rematando en naufraxio. Mais esa garda tampouco aporta ilusións. A noite, a soidade, o paso do tempo nunha viaxe polo universo marcan a garda que remata coa sensación de frustración e desengano: a voz desarbolada, o velame frustrado.

Aspectos que lembran a vangarda: as imaxes vangardistas, o léxico extrapoético mariñeiro e culto, a ausencia de ritmo e de signos de puntuación, a disposición gráfica, a introdución dunha cantiga popular, a introdución de diálogo.

  • Texto completo e explicacións[20]
Recalada
Atoparemos n-o peirán
as follas evadidas
d'o almanaque d'os nosos soños.

A recalada é a chegada do barco a un punto da costa, a un porto.

Os soños dos mariñeiros son como follas dun calendario que se perderon e pensamos atopalos ao desembarcar no peirao. As prostitutas (noivas inéditas) que se mostran nas rúas do porto sempre son iguais, non rompen a monotonía, xa coñecen as nosas necesidades e sentimentos. Fumaremos e pasearemos calados e cheos de agresividade calada. Seguiremos bebendo como en calquera porto, rodeados dos mesmos mariñeiros descoñecidos. As nosas cancións nocturnas e somnolentas chegarán ata a madrugada, apagarán os farois da iluminación ou a luz dos astros. Cando mañá espertemos, xa todo pasou e perdemos unha folla máis do noso diario sentimental.

Todo foi artificial, inventado, xogos malabares dos que eramos meros espectadores, non protagonistas. A recalada non chegou a producirse, era unha ilusión:

  Eramos os espeutadores
na prestidixitación
dunha hora artificial

Neste poema continúa o ambiente nocturno do libro, agora en terra. Mais a terra non vai supoñer ningunha novidade, non rompe a monotonía xeral, a sensación de repetición e de anulación do tempo, non é máis ca outra ilusión na travesía.

O suxeito poético e as imaxes ligadas á realidade conectan o poema coa tradición. Neste poema non hai léxico mariñeiro, o poeta está en terra. A falta de signos de puntuación, a ausencia de ritmo e as imaxes conectan o poema coas formas vangardistas.

  • Texto completo e explicacións[21]
Navy Bar

O título é un anglicismo, o típico bar de ambiente mariñeiro que abundaba nos peiraos.

Identifica o bar co barco: como el ten balanceos. O poeta está listo para partir dentro del. Agora o licor que bebemos é como a auga do mar, repetido e de moitos sitios: monotonía. O tempo está parado, non pasa e non entendemos nin coñecemos aos estranxeiros que están ao noso lado. Tampouco as cantigas do bar achegan nada novo.

É unha cita nocturna, mais sen estrelas que nos guíen nin vento: desorientados, perdidos, sen rumbo.

Segue o illamento cos mariñeiros descoñecidos e sos. A noite como un salvavidas tentará salvar do naufraxio.

O último vaso que tomemos será un adeus, unha despedida, unha evasión:

  No repouso dalgún vaso
tódalas noites naufraga o Bar.

O interior de cada un é como o mar aberto, un lugar inmenso e invadido pola soidade, un lugar afastado de todo no que canto máis se entra máis só se sente. Como no poema anterior, o poeta segue en terra e de noite. Acode ao bar mariñeiro en procura de algo novo e non atopa máis que sensacións xa coñecidas e repetidas, polo que se sente aínda máis só.

As imaxes, a falta de puntuación, a falta de ritmo, os estranxeirismos, o léxico mariñeiro e culto, os incisos e as siglas son elementos que relacionan o poema co vangardismo. Os restos de rima, o suxeito poético e as imaxes ligadas á realidade relaciónano coa tradición poética.

  • Texto completo e explicacións[22]
Balada do pailebote branco

O poema ten unha estrutura circular como unha canción, comeza e acaba co mesmo: historia do piloto, gavieiro, rapaz. O barco conta (canta) unha historia pero a del non a sabe ninguén.

Comeza cunha ironía, o vento rise das historias dos tripulantes. Segue unha típica historia mariñeira, unha historia fracasada. O poeta busca unha ilusión, unha historia.

Remata co desengano, como se esa historia non existira nunca:

   Escoitábamos o vento
ríndose malévolo
debaixo so seu disfraz
Pero a hestoria do pailebote branco
non a sabía o piloto
nin o gavieiro
nin o rapaz

Os restos de rima, o suxeito poético e un certo argumento relacionan o poema coa tradición. A disposición gráfica, a falta de puntuación e o léxico extrapoético e mariñeiro conectan coa vangarda literaria.

  • Texto completo e explicacións[23]
O cartafol do vento

O caderno de notas do vento comeza cun pasado e despois predomina o presente, un presente inmobilizado no que domina o estatismo, non hai posibilidade de fuxir, non hai vento, non hai alento vital.

Non hai referencias temporais que permitan situar este momento, é un presente atemporal e estático porque o vento está perdido e só nos acompañan os voos das gaivotas. O barco perdeu as velas e agárrase ao pasado, ao ronsel.

Remata cunha imaxe humorística, o sol como alguén parado, aparvallado, sen decisión, ollando para as gaivotas, para o barco:

   Ca boca aberta
-caille a baba-
está mirándonos o babión do Sol.

Neste poema non hai ambiente nocturno, pero o Sol está parado debido á ausencia de vento e velas.

As imaxes humorísticas, a ausencia de ritmo e puntuación, a disposición gráfica, o léxico técnico e os incisos relacionan o poema cos formas vangardistas; o suxeito poético, os restos de rima e as imaxes ligadas á realidade coa poética tradicional.

  • Foi musicado por Maite Dono en Corazón de Brief, 1998.
  • Texto completo e explicacións[24]
Lied ohne Wörte

Expresión alemá que significa canción sen palabras, tamén é o título dunha composición para piano.

É unha noite sen lúa con mestura de tempos: presente, pasado, futuro. Hai un algo de impulso vital: mastro, proa.

Pipa de Manuel Antonio, Casa Museo de Rianxo

Claudio Rodríguez Fer opina que se trata dunha metáfora múltiple, de lecturas diferentes:

  • biográfica: problemas nunha travesía marítima
  • existencial: desesperanza nunha noite sen luz
  • estética: procura dunha nova expresión
  • amorosa: lembranza afastada da amada

Remata cun ton sentimental:

   Senteime a proa
fumando a miña pipa
Pero outra noite pensarei en ti.

Son trazos vangardistas a disposición gráfica, a ausencia de puntuación e ritmo, o léxico con estranxeirismos e termos mariñeiros, os incisos e as imaxes humorísticas. Están relacionados coa poética máis tradicional o suxeito poético eu-ti e as imaxes ligadas á realidade.

  • Foi musicado por Maite Dono en Corazón de Brief, 1998, e por Emilio Cao en Cartas mariñas
  • Texto completo e explicacións[25]
A estrela descoñecida

Diálogo coa estrela que é testemuña apenada dos naufraxios no mar (noutros poemas aparecía o mariñeiro descoñecido, agora a estrela descoñecida). O ambiente é nocturno. Comeza cunha imaxe vangardista moi plástica: a estrela asomada na fiestra do ceo, apoiada nos cóbados e colgando dunha constelación. Continúan as sensacións negativas: nunca, endexamais, para sempre.

Remata coa chegada do día:

   A alba nova sorprendeume
cacheando antre os loceiros
unha despedida que se me perdeu.

O suxeito poético eu/nós, que dialoga cun ti —a estrela— e as imaxes ligadas á realidade están relacionados coa poética máis tradicional. A disposición gráfica, a ausencia de puntuación e ritmo, o léxico con termos mariñeiros, os incisos e as imaxes son trazos máis vangardistas.

Calma de 6 a 8

Longo poema, dos máis longos, como longa e aburrida é a calma no mar aberto. Comeza aínda con sol, vén o solpor e tamén a noite. O navío (espello do poeta) está atado, parado porque non hai vento e desfaise do seu pasado. Tamén aquí aparece a idea da morte, do suicidio, do naufraxio existencial.

Nos seguintes versos, identificando elementos sen relación lóxica chégase a unha imaxe visionaria, rompedora na que a gaivota pon o peteiro no berro inmortal dos afogados:

   Unha gavota ventrílocua
peteirando no urro inmorredoiro
que os afogados deixaron aboiando

Ao final todo segue exactamente igual que ao principio, é como se fose un soño: “as mesmas estrelas aínda están alí”.

A introdución de diálogo, os incisos, a ausencia de puntuación, a disposición gráfica, o léxico extrapoético e mariñeiro conectan a forma do poema coas vangardas. Pola contra, os restos de rima e a anáfora fano coa poesía tradicional.

  • Texto completo e explicacións[27]
Descuberta

É un poema descritivo no que predominan os termos referentes a sensacións visuais. A desorientación é completa, a soidade total. Xa non hai ilusións, imposibilidade total de reacción, de vitalidade.

O sol é un simple e afastado espectador, non se pode coller:

 O Sol era un paxaro triste
que se pousaba no penol.

Todo o poema é sombrizo, cunha atmosfera de frustración e saudade, sen capacidade de loitar contra a adversidade. O Mar está fechado como a vida individual, a soidade. O destino é irremediábel, o Sol ( a vida) foxe.

As imaxes ligadas á realidade, a presenza do suxeito poético teñen que ver coa poética tradicional. As imaxes, o léxico mariñeiro específico, a ausencia de puntuación e ritmo, coa poética vangardista.

  • Texto completo e explicacións[28]
Lecer

O lecer é o tempo de descanso. As gaivotas, os barcos, as velas, a lembranza de Vigo (o porto) marcan as imaxes.

Fuma en pipa e o tempo non pasa:

 Unha pipa máis
de vagar
deica ver a hora que dá o reloxe

Predomina o estatismo e a quietude total. O lecer é unha pausa da que non se dá saído.

Son trazos máis tradicionais as imaxes ligadas á realidade e o suxeito poético “nós”. Son trazos máis vangardistas a ausencia de rimo e puntuación, as imaxes e o humor (parénteses).

  • Texto completo e explicacións[29]
S.O.S.

Chamada de socorro, non se debe confundir co titulado “Sos”.

Ambiente nocturno: o faro e as estrelas (os únicos elementos visibles pola luz e que están animados) emiten mensaxes de socorro.

Hai algo de vento e o ceo está cheo de luces:

  Na man do Mar esquencidizo
os loceiros peteiran a bicada
A estrela dos cabarets
cun cigarro nos beizos
pide lume aos catro puntos cardinaes
Pola Galaxia chea de seixos
un astro vello vai co seu farol

A noite tamén é un engano, parece que hai unha ilusión, hai algo de vento, hai luces dos astros; mais coma sempre, estamos perdidos e desorientados.

Siglas, incisos, humor, ausencia de ritmo e puntuación, imaxes atrevidas, léxico mariñeiro e técnico, son os trazos máis vangardistas. Os restos de rima, as imaxes ligadas á realidade e a presenza do “nós” son influencias da poética máis tradicional.

  • Poema cantado por Emilio Cao en Sinbad en Galicia
  • Texto completo e explicacións[30]
Ao reverso da noite

É a outra cara da noite (no poema anterior era a media noite). Predomina a ausencia de movemento e negativismo total. Asistimos á chegada do novo día e á fin da travesía.

Comeza cunha imaxe visual, pictórica, as luces astrais reflíctense no mar de noite:

  Loceiros degolados
desángranse de ouro no Mar

Tamén a lúa vai deixando o seu rastro, improdutivo, de luz no mar e follea no libro das velas mentres sonea a mareta. O tempo marcado polo reloxo faise obsesivo e está reflectido nas estrelas. No remate xa chegou o novo día: proceso morrer-renacer, a noite e o día.

Son trazos máis vangardistas as imaxes, a falta de ritmo e puntuación, o ton prosaico, o léxico extrapoético e a disposición gráfica. Están máis ligados á poética tradicional a presenza do “nós”, as imaxes ligadas á realidade, a presenza de certo sentimentalismo (bágoas).

  • Texto completo e explicacións[31]
Adeus

No final da travesía o poeta chega a terra, mira para a baía e bota de menos o veleiro. Despídese del, mais o adeus, a despedida xa aparecía en moitos dos poemas do libro.

Á mañá estamos sen o barco e as súas velas. Xa en terra revive as emocións con diferentes imaxes do porto, da terra: o Sol como serea bébeda dos barcos, un resto de fume, os guindastres. A vila (Rianxo?) aparece como salvadora dun fracaso que xa pasou.

Remata o poema e o libro, non hai un regreso definitivo, hai un eterno retorno, unha peregrinación inacabábel, sempre un está a chegar e outro a partir:

    alguén que chora dentro de min
por aquel outro eu
que se vai no veleiro
pra sempre
coma un morto
co peso eterno de tódolos adeuses.
  • Foi musicado por Emilio Cao en Cartas mariñas
  • Texto completo e explicacións[32]

Lingua

Manuel Antonio procura unha lingua culta que lle valla para expresar os máis modernos conceptos sen perder toda a súa forza e expresividade. E vai atopar moitas dificultades porque o galego dos anos vinte non tiña moita tradición como lingua culta. Para conseguilo fuxirá do castelán e usará un galego que aínda sendo ás veces pseudogalego non estea castelanizado, de aí o uso abundante de pseudogaleguismos (violeda, desourentaron, conscente, oucéano, meridián, estrangoado, ausenza, espeutadores) e os escasos castelanismos (singladura, maniobra).

Unha característica que marca o léxico deste libro son os termos específicos dos mariñeiros: pailebote, gavieiro, marusía, desarbolada, xerfa, relinga, mareta, penol. Tamén é concorde coa vangarda o emprego de léxico técnico-culto (ventrílocua, sextante, ortodrómicas, exhausto) e de estranxeirismos (leit-motiws, cock-tail, Navy Bar, gaf-tope, stock).

Canto á morfosintaxe, o seu galego é excelente, son moi poucos os castelanismos (o seu viaxe, ronseles) e todos eles moi correntes na fala.

A lingua usada ten trazos da fala de Rianxo e Asados como a 3ª persoa do pretérito perfecto dos verbos da 3ª conxugación “-eu” (asumeu, evadeu, ensumeu). Mais está lonxe do galego falado, non hai restos de gheada nin de seseo[33] e son moi escasos os vulgarismos[34].

A lingua do poemario é coidada e enxebre, depurada de vulgarismos e castelanismos, en consonancia coas ideas de Manuel Antonio sobre a poesía galega; e tamén lonxe da lingua da súa prosa máis artificial e afastada da fala [35].

Edicións

Edición na Biblioteca Básica da Cultura Galega.

Outras traducións

  • Ao catalán por Joan Barceló i Cullerés co título de De catro a catro/ De quatre a quatre publicado en 1979 nunha edición bilingüe editada por Edicións Robrenyo; Serie Ara i avui[42].
  • Ao éuscaro por Íñigo Arambarri e Koldo Izaguirre Urreaga co título de Lauretatik lauretara publicado en 1992 por Trinxerpe[43].
  • Ao inglés por John Burns co título de From four to four publicado en 2001 por Puckerbrush Review[44].

Notas

  1. Ledo Cabido, Bieito, ed. (1999). "De catro a catro". Enciclopedia Galega Universal 7. Ir Indo. p. 83. ISBN 84-7680-295-1. 
  2. "Carta de Candeira Hermanos a Sanjurjo Badía (8-IX-1906)" Arquivado 28 de maio de 2020 en Wayback Machine. Real Academia Galega.
  3. González Fernández, María Xosefa; Manso Seijas, Carme; Salinas, F. (1992). Manuel António. De catro a catro. Curso de Orientación Universitaria. Baía Edicións. ISBN 84-87674-25-9. 
  4. L. Bernárdez, Carlos (1991). De catro a catro de Manuel Antonio. Edicións do Cumio. p. [cómpre nº de páxina]. ISBN 84-87126-46-4. 
  5. "De catro a catro". ogalego.eu. Consultado o 14/11/2017. 
  6. Carballo Calero, Ricardo (1975). Historia da literatura galega contemporánea. Galaxia. ISBN 84-7154-227-7. 
  7. Pena, Xosé Ramón (1996). De catro a catro de Manuel Antonio. Ed. Xerais. ISBN 84-8302-059-9. 
  8. González, Helena (1993). De catro a catro. Manuel António. Sotelo Blanco. ISBN 84-7824-175-2. 
  9. L. Bernárdez, Carlos; Insua, Emilio X.; Millán Otero, Xosé M.; Rei Romeu, Manuel; Tato Fontaíña, Laura (2001). Literatura galega. Século XX. Baía Edicións. ISBN 84-95350-33-5. 
  10. Pena 2016, p. [cómpre nº de páxina].
  11. Vilavedra 2000, p. 129-130.
  12. Saa González, Ignacio (2014/11/10). Constantino Candeira. Porto de Camposancos (Río Miño).
  13. Castelao, Manuel (2010). Manoel-Antonio. De catro a catro. Laiovento. ISBN 978-84-8487-183-5. 
  14. "Intencións". 
  15. "A fragata vella". 
  16. "Travesía". 
  17. "Os cóbados no varandal". 
  18. "Sos". 
  19. "Ao afogado". 
  20. "Garda de 12 a 4". 
  21. "Recalada". 
  22. "Navy Bar". 
  23. "Balada do pailebote branco". 
  24. "O cartafol do vento". 
  25. "Lied ohne Wörte". 
  26. "A estrela descoñecida". 
  27. "Calma de 6 a 8". 
  28. "Descuberta". 
  29. "Lecer". 
  30. "S.O.S.". 
  31. "Ao reverso da noite". 
  32. "Adeus". 
  33. García Rodríguez 1974, p. 21.
  34. González Guerra, Anxo (1981). O idioma galego na poesía de Manuel Antonio. Edicións do Castro. ISBN 84-7492-076-0. 
  35. González, Anxo; Pena, X. Ramón (1982). Manuel Antonio. Ediciones Nós. ISBN 84-7540-004-3. 
  36. Portal de datos bibliográficos da Biblioteca Nacional de España
  37. De catro a catro e outros textos, Biblioteca das Letras Galegas, Xerais imaxe da portada.
  38. De catro a catro (1998) (ed. de Helena González Fernández) en Google Books.
  39. De catro a catro na Biblioteca Virtual Galega.
  40. Manuel Antonio. Obra completa. II: Poesía Fundación Barrié.
  41. De catro a catro ilustrado por Pablo Otero na páxina web de El Patito Editorial, Santiago de Compostela.
  42. Ficha Arquivado 18 de abril de 2018 en Wayback Machine. na Biblioteca de tradución galega.
  43. Ficha Arquivado 18 de abril de 2018 en Wayback Machine. na Biblioteca de tradución galega.
  44. Ficha Arquivado 18 de abril de 2018 en Wayback Machine. na Biblioteca de tradución galega.

Véxase tamén

Bibliografía

Outros artigos

Ligazóns externas

Kembali kehalaman sebelumnya