Dono, en latín Donus ou Domnus, foi papa entre o 2 de novembro de 676 e o 11 de abril de 678, día este do seu pasamento. Era fillo dun romano de nome Mauricio. Non se sabe moito a respecto deste papa.
Traxectoria
Como pontífice ocupouse do melloramento urbanístico de Roma, con obras como a pavimentación das áreas en torno á Basílica de San Pedro do Vaticano e doutras igrexas romanas. Noutra orde de cousas, dispersou un grupo de monxes nestorianos que fora descuberto nun mosteiro sirio de Roma, que fora confiado a monxes católicos.
Chegou a un acordo co arcebispo da arquidiocese de Rávena, Reparado (Reparatus), polo que este abandonou as pretensións que tiña de proclamar a autocefalia da súa igrexa. As súas relacións con Constantinopla tenderon á conciliación. O pontificado de Dono durou apenas un ano, cinco meses e dez días. Foi sepultado na Basílica de San Pedro.