O Día das Letras Galegas é un día de exaltación da lingua de Galicia a través da súa manifestación literaria. Comezou a celebrarse o 17 de maio do 1963, coincidindo co centenario da primeira edición de Cantares gallegos, de Rosalía de Castro.
Ata 2024, ano dedicado a Luísa Villalta, 64 autores (6 mulleres e 58 homes) foron homenaxeados nas 62 edicións do Día das Letras Galegas, posto que en 1998 houbo unha homenaxe colectiva a Martín Codax, Johan de Cangas e Mendinho (tres trobadores ligados á ría de Vigo). En 2025 escolléronse seis mulleres en representación das cantareiras.[1]
Para conmemorar o primeiro Día das letras galegas (DLG) publicouse unha edición crítica de Cantares gallegos, feita por Fermín Bouza-Brey. A festividade tivo un alcance e unha significación extraordinarios, e foi moi ben acollida non só a nivel literario senón tamén nos ambientes populares.
Oficialmente, trátase dun día de carácter festivo en toda Galicia desde 1991.[3][4]
En 2020, por mor da pandemia da COVID-19, a Academia anunciou que por primeira vez nos seus 57 anos de historia o pleno de celebración do Día das Letras non decorrería o 17 de maio, trasladándose no seu lugar ao 31 de outubro, xusto un día despois do 110 aniversario do homenaxeado, Ricardo Carballo Calero.[5] Finalmente, as restricións sanitarias fixeron que o acto se tivese que adiar de novo, até o 12 de decembro[6].
Proceso de escolla
A institución encargada de elixir a figura homenaxeada é a Real Academia Galega.[7] Segundo os seus estatutos, debe ser escollida na primeira reunión despois do Día das Letras Galegas.[7] Os criterios para a súa elección son que "a figura elixida deberá ser autora dunha obra relevante en galego e persoa de calidade cultural e humana que mereza propoñerse como exemplo á sociedade galega de hoxe".[7] Ademais, deben pasar dez anos dende o seu falecemento e cómpre que a proposta estea asinada por un mínimo de tres académicos.[7]