Eduardo o Vello (en anglosaxón: Ēadweard cyning), nado en 874 - 877 e finado o 17 de xullo de 924, foi o segundo dos fillos varóns -6 en total- de Alfredo o Grande, rei de Wessex e da súa esposa Aethelswitha. Converteuse en rei de Wessex á morte de seu pai en 899.
O epónimo de Eduardo, "o Vello" foi usado por primeira vez no século X no escrito Vida de San Æthelwold de Wulfstan, para distinguilo do rei posterior, Eduardo o Mártir.
Traxectoria
Sucesión e inicios do seu reinado
A sucesión de Eduardo ao trono do seu pai non estaba asegurada, xa que cando Alfredo morreu, o seu primo Aethelwold, o fillo do rei Aethelred I reclamou o seu dereito ao trono. Tomou Wimborne, en Dorset, onde fora enterrado o seu pai e a igrexa cristiá en Hampshire, hoxe Dorset. Eduardo marchou a Badbury e ofreceu combate, pero Aethelwold rexeitou deixar Wimborne. Cando viu que Eduardo estaba listo para atacar Wimborne, Aethelwold fuxiu na noite e uniuse aos daneses en Northumbria, onde foi proclamado rei. Namentres, Eduardo era coroado en Kingston upon Thames o 8 de xuño de 900[1]. Ao ano seguinte, tomou o título de "Rei dos Anglos e Saxóns", distinguíndose dos seus predecesores que foran reis de Wessex.
En 901, Aethelwold chegou a Essex cunha frota e impulsou aos daneses a levantarse en Anglia Oriental. O seguinte ano, atacou Cricklade e Braydon. Eduardo chegou cun exército e logo de varias marchas, ambos os lados atopáronse na batalla do Holme. Aethelwold e o rei Eohric foron mortos en batalla.
As relacións co norte foron problemáticas para Eduardo por varios anos máis. A Crónica anglosaxoa menciona que fixo as paces cos daneses de Anglia Oriental e de Northumbria "por necesidade". Tamén existe unha mención da reconquista de Chester en 907, o cal pode indicar que a cidade foi tomada nunha batalla.[1]Arquivado 07 de xaneiro de 2005 en Wayback Machine.
En 909, Eduardo enviou un exército para arrasar Northumbria. Ao ano seguinte, os habitantes de Northumbría estiveron a favor de atacar Mercia, pero atopáronse cun exército combinado de mercianos e saxóns occidentais na batalla de Tettenhall, onde foron destruídos os daneses de Northumbria. Desde entón, non volveron a facer incursións ao sur do río Humber.
Entón Eduardo comezou a construción de varias fortalezas en Hertford, Witham e Bridgnorth. Dise que tamén construiría unha en Scergeat, pero esa localización aínda non foi identificada. Esta serie de fortalezas, mantiveron aos daneses baixo control. Tamén se construíron outras fortalezas en Tamworth, Stafford, Eddisbury e Warwick.
Logros
Pódese afirmar que Eduardo superou os logros militares do seu pai, regresando o Danelaw ao dominio saxón e reinando sobre Mercia a partir de 918 tras a morte da súa irmá Aethelflaed (Æðelflǣd). Polo ano 918, todos os daneses do sur sometéranselle. A súa sobriña Aelfwynn, filla de Aethelflaed, foi nomeada sucesora da súa nai, pero Eduardo depúxoa, terminando así coa independencia de Mercia. Xa anexara as cidades de Londres e Oxford e as terras circundantes a Oxfordshire e Middlesex.
Unha serie de invasións escandinavas polo norte, forzaron a Eduardo a entrar en varias batallas entre fins do 918 e finais de 920. Nese momento, os escandinavos, os escoceses e os galos chamábano "pai e señor".[2]Arquivado 07 de xaneiro de 2005 en Wayback Machine. Este recoñecemento do señorío de Eduardo en Escocia levou a que os seus sucesores reclamasen soberanía sobre ese reino.
Eduardo reorganizou a igrexa en Wessex, creando novos bispados en Ramsbury e Sonning, Wells e Crediton. A pesar diso, hai pouca evidencia de que Eduardo fose particularmente relixioso. De feito, o Papa envioulle unha reprimenda para que puxese maior atención ás súas responsabilidades relixiosas.[3]
Morte
Morreu liderando un exército contra a rebelión cambro-merciana, o 17 de xullo de 924 en Farndon, Cheshire. Os seus restos foron sepultados na igrexa nova de Winchester, Hampshire, que el mesmo establecera o ano 901. Despois da conquista normanda de Inglaterra, a igrexa foi substituída pola abadía de Hyde, ao Norte da cidade e o corpo do rei Eduardo foi transferido alí.
O seu último lugar de descanso está marcado por un bloque de pedra cunha cruz inscrita nos arredores da abadía nun parque público.
Matrimonio e descendencia
O rei Eduardo tivo catorce fillos dos seus tres matrimonios e pode ser que tivese fillos ilexítimos tamén.
En 893 casou con Egwina, muller de baixa condición social, coa cal tivo 3 fillos.Como o status de Egwina, a súa primeira esposa, era baixo, foi apartada por Eduardo pouco despois do seu ascenso ao trono (900), e os fillos nados dela declarados ilexítimos. Acerca de Egwina, pouco se sabe á parte do seu nome, do que non hai rexistros previos á reconquista aos normandos. Historiadores posteriores proclamaron que era unha muller nobre e moi relixiosa. Eduardo casou (aínda que o status exacto da unión é incerto) con Egwina ao redor do 893, e foron pais de:
Aethelstan (n. 895 - m. palacio de Gloucester, 27 de outubro de 939), rei de Wessex ao morrer o seu irmán Aethelweard (924) e primeiro rei de toda Inglaterra unificada.
Edith (n. 900 - m. como abadesa de Tanworth, Gloucestershire, 937), monxa ao enviuvar, é logo canonizada; casada con Sihtric II Caoch, rei de York e de Northumbria (n.890 - m.927).
A morte do seu irmán máis vello Edmundo, correi de Wessex (899), deixouno como o herdeiro do seu pai, a cuxa morte (26 de outubro de 899) o sucedeu no trono, sendo coroado en Kingston-upon-Thames o 31 de maio de 900.
Pasou o inicio do seu reinado pelexando co seu primo Aethelwold, fillo do rei Aethelred I, que alegaba ter maiores dereitos á coroa de Wessex. Aínda que Eduardo é derrotado na batalla de Holm (902), a morte do pretendente na batalla asegúralle a coroa.
Así, para reconciliarse coa rama de Aethelred I, casou en 901 con Aelfflaed, sobriña de Aethelwold e neta do rei Aethelred I. Deste matrimonio naceron 10 fillos:
Edgifu (Ogiva) (n. 904 - m. 953), casada primeiro con Carlos III "o Simple", rei de Francia (n.879 - m.929) e logo con Heriberto, conde de Meaux e de Troyes (n.910 - m.984).
Ethelfleda (n. 906 - m. ?), monxa, abadesa de Ramsey, Hampshire.
Edhilda (n. 907 - m. 937), casada con Hugo "o Grande", conde de París e duque de Francia -descendente de Carlomagno por liña feminina- (n.895 - m.956).
Elgiva (n. 908? - m. 1005), casada con Boleslao II, duque de Bohemia (m.999).
Ethelhilda (n. 909 - m. ?), monxa ou recluída na abadía de Romsey, Hampshire.
Viúvo en 920, casa por terceira vez -aínda que segunda legalmente- con Edgiva, filla de Sigelhelm, cabaleiro de Kent, de aproximadamente 15 anos de idade, nacendo deste matrimonio 4 fillos:
Edmundo I (n. 921 - m. asasinado, Pucklechurch, Dorset, 26 de marzo de 946), alcumado "o Magnífico", sucesor do seu medio-irmán Aethelstan como rei de Inglaterra (939).
Edburga (n. 922 - m. abadía de Nunnanminster, 15 de xuño de 960), monxa na abadía de Nunnanminster, despois canonizada.
Edgiva (n. 923 - m. ?), casada con Luís, conde de Thurgau, fillo do rei Rodolfo I de Borgoña (m.960).
Edred (n. 924 - m. Frome, Somerset, 23 de novembro de 955), sucesor do seu irmán Edmundo como rei de Inglaterra (946).
A historia de Guillerme de Malmesbury, De antiquitate Glastonie ecclesiae afirma que a segunda esposa de Eduardo, Elfleda, tamén viviu despois da morte de Eduardo, pero esta é a única fonte para dita afirmación.
Eduardo morreu en Farndon-on-Dee, o 17 de xullo de 924, aos 52 anos de idade, sendo sepulto na catedral de Winchester.