O fonógrafo foi o dispositivo máis común para reproducir sons gravados desde a década de 1870 até a década de 1880. O fonógrafo foi inventado por Thomas Alva Edison.
A primeira invención coñecida dun dispositivo capaz de gravar unha vibración sonora foi o "fonoautógrafo", inventado polo francés Édouard-Léon Scott de Martinville e patentado o 25 de marzo de 1857. Podía transcribir unha vibración sonora a un medio visible, pero non tiña un modo de ser reproducido despois. O aparato consistía nun corno ou un barril que recollía as ondas cara a unha membrana á que estaba atado unha cerda. Cando chegaba a onda, esta vibraba e movíase e a vibración sonora podía gravarse nun medio visible. Inicialmente, o fonoautógrafo gravaba nun cristal afumado. Unha versión posterior usaba un papel tamén afumado enrolado nun tambor ou cilindro. Outra versión debuxaba unha liña representando a vibración sonora nun rolo de papel. O fonoautógrafo era considerado como unha curiosidade de laboratorio para o estudo da acústica. Era usado para determinar a frecuencia dun ton e para estudar o son e a fala. Non se entendeu até despois do desenvolvemento do fonógrafo xa que a onda gravada polo fonoautógrafo era de feito unha gravación do son que só necesitaba un medio de reprodución adecuado para soar.
En 2008, estudosos da historia do son americanos reproduciron por primeira vez o son gravado por un fonoautógrafo.[1][2][3]
O equipo logrou ter acceso aos papeis con gravacións do fonoautógrafo de Leon Scott que estaban gardados na oficina de patentes da Académie des Sciences francesa. Escanearon o papel en relevo cun sofisticado programa de ordenador desenvolvidos anos antes pola Biblioteca do Congreso estadounidense. As ondas do papel foron traducidas por un ordenador a sons audibles e recoñecibles. Un deles, creado o 9 de abril de 1860 resultou ser unha gravación de 10 segundos (de baixa fidelidade pero recoñecible) de alguén cantando a canción popular francesa "Au Clair de la Lune". Este "fonoautograma" é a primeira gravación de son coñecida así como a primeira gravación que é, actualmente, reproducible. Moi anterior á gravación dun reloxo parlante de Frank Lambert e a dun concerto de Haendel realizada pola Compañía Edison, que datan de dúas e tres décadas despois, respectivamente.
O fonógrafo de Edison
Non foi até 1876, cando se creou o fonógrafo, que foi o primeiro aparato capaz de reproducir son.[1] Cando Thomas Alva Edison anunciou a invención do seu primeiro fonógrafo, a primeira peza interpretada foi "Mary had a little lamb" ("María tivo un añiño") o 21 de novembro de 1877, mostrou o dispositivo por primeira vez en público o 29 de novembro dese mesmo ano e patentouno o 19 de febreiro de 1878.[4]
O fonógrafo utiliza un sistema de gravación mecánica analóxica na cal as ondas sonoras son transformadas en vibracións mecánicas mediante un transdutor acústico-mecánico. Estas vibracións moven un estilete que labra un suco helicoidal sobre un cilindro de fonógrafo. Para reproducir o son invértese o proceso.
Ao principio, utilizáronse cilindros de cartón recubertos de estaño, máis tarde de cartón parafinado e, finalmente, de cera sólida. O cilindro de cera, de maior calidade e durabilidade, comercializouse desde 1889, un ano despois de que aparecera o gramófono.
O 2 de decembro de 1889 un representante da casa Edison, Theo Wangeman, gravou unha interpretación do celebérrimo compositor Johannes Brahms. Tratábase dun fragmento das Danzas Húngaras nunha versión para piano só. Esta gravación aínda se conserva, pero a súa calidade é pésima.
Inventos posteriores ao fonógrafo
Desde 1877 desenvolvéronse múltiples artefactos similares ao fonógrafo e xurdiron as chamadas "talking machines". Non obstante, só o gramófono logrou facerlle sombra á invención de Edison.
En 1888, Emile Berliner patentou o gramófono, instrumento moi similar ao fonógrafo que se utilizou para sonorizar as películas cinematográficas e foi punto de partida da CBS (Columbia Broadcasting System).