O CSBG (Centro Superior Bibliográfico de Galicia), que posteriormente pasou a ser a Biblioteca de Galicia, comezou os seus traballos no ano 1986.[3] Creouse de forma oficial no ano 1989 e cumpre as funcións de Biblioteca Nacional a nivel autonómico.[4] O seu proxecto de dixitalización iniciouse no ano 1997, coa dobre finalidade de salvagardar materiais únicos e facilitar a súa difusión e o acceso aos mesmos. A partir do ano 1999 fíxose posible o acceso á súa base de datos a través de Internet.[5] En outubro de 2008 desenvolveuse a nova versión da plataforma, e así naceu Galiciana, un repositorio OAI cuxos metadatos poidan ser colleitados por Hispana e agregados a Europeana, OAIster e ROAR.[6]
Obxectivos
A creación e obxectivos da Biblioteca Dixital de Galicia están estreitamente relacionados coas circunstancias específicas de creación do CSBG:
Non contar con fondo histórico
Non dispor dun espazo físico axeitado para o almacenamento e custodia do depósito legal
A existencia de coleccións de gran valor dispersas xeograficamente por todo o territorio galego e a imposibilidade de reunilas a todas nun mesmo lugar.
Por todo isto decídese dixitalizar os fondos dispersos pola comunidade galega e crear unha biblioteca dixital cuxas funcións serán dar a máxima visibilidade dos recursos dixitais integrados nela e cumprir os estándares para que a interoperabilidade cos principais proxectos de dixitalización existentes sexa posible.[7]
Descrición
A biblioteca dixital de Galicia ofrece, ademais da referencia bibliográfica dos impresos a posibilidade de acceder a documentos dixitalizados de gran parte do Patrimonio Bibliográfico Galego ou de interese para Galicia. Esta dixitalización cumpre a aplicación das últimas directrices e estándares nacionais e internacionais co fin de normalizar o acceso.[8]
↑"Biblioteca Digital de Galicia (Galiciana)". Presentada en la Jornada de Difusión de la Biblioteca Digital Mundial de la Unesco en la Biblioteca Nacional de España (BNE). xuño de 2012. Consultado o 28 de marzo de 2014.