Un ganglio linfático é unha formación vascular que pertence ao sistema linfático. Os vasos linfáticos drenan todo o corpo agás o sistema nervioso central. Recollen líquidos e transpórtano cara á circulación venosa. Ademais de para transportar substancias serve tamén como filtro inmunolóxico, xa que contén numerosas células inmunes encargadas de eliminar substancias alleas ao organismo.
O ganglio é unha estrutura esférica, de pequeno tamaño, que se adoita agrupar en puntos concretos, coma a axila. Recolle linfa de varios condutos, concéntraa e o sistema inmune "revísaa". Do ganglio sae un vaso eferente, que se dirixe a outro grupo linfático ou á circulación venosa.
No caso do aparello dixestivo, existe unha rede linfática que transporta substancias da dieta cara ao sistema venoso. No caso das graxas, a célula do intestino delgado descompón o ácido graxo e empaquétao nunha estrutura de transporte, o quilomicron. Os quilomicrons son enviados ao sistema linfático, que finalmente os deposita na vea subclavia.