Gonzalo Suárez naceu en Oviedo pouco antes da revolución de Asturias. O alzamento nacional que deu pé á guerra civil española colleuno en Madrid, onde o seu pai, o catedrático de francés Gonzalo Suárez Gómez, fora a presidir uns exames. Comezou a ir á escola aos dez anos, sendo instruído até entón polo seu pai. En 1951 comezou os estudos de Filosofía e Letras, ao tempo que escribía pezas de teatro e actuaba en obras de Saroyan, Eurípides ou Shakespeare. Influenciado polos impresionistas iniciouse no mundo da pintura, e logo de abandonar os estudos marchou a París, onde fixo traballos eventuais.
En 1958 marchou a Barcelona coa súa muller, e traballou de xornalista co pseudónimo de Martin Girard.[1] Pouco despois instalouse en Italia, onde traballou no Inter de Milán como asesor do adestrador de fútbol Helenio Herrera, parella de súa nai dende había anos. Era o encargado de asistir aos partidos dos rivais do Inter e realizar informes tácticos e técnicos para Herrera.[2]
Deixou o xornalismo e publicou relatos de ficción, algúns dos cales foron adaptados ao cinema. En 1966 comezou a facer el tamén cine, sendo financiadas as súas primeiras películas por Angelo Moratti, presidente do Inter de Milán, por medio de Helenio Herrera, que se fixo coprodutor xunto con el.[2][3]