Este artigo contén varias ligazóns externas e/ou bibliografía ao fin da páxina, mais poucas ou ningunha referencia no corpo do texto. Por favor, mellora o artigo introducindo notas ao pé, citando as fontes.
O jazz dance é un estilo de danza que utiliza a músicajazz e que combina elementos do ballet, contemporáneo, hip hop, danza moderna, claqué e charleston entre outros. Por iso, é considerada unha danza de elevada dificultade. Na actualidade, é practicado e coñecido en todo o mundo aínda que está moito máis estendido en Broadway.
Orixe e historia
A palabra jazz provén do termo francés jasm que significa vitalidade, debido a que esta danza ten uns ritmos cambiantes, que recordan a propia vida humana, polo tipo de música que utiliza. Tamén se relaciona co teatro pola grande expresividade dos bailaríns e coa flexibilidade debido á velocidade dos pasos e á complexidade destes.
Podemos considerar que o jazz como danza ó longo da historia ten dúas vertentes, unha como danza social e outra como artística.
Con respecto á primeira podemos dicir que xorde con anterioridade ó século XIX, aínda que non se sabe exactamente a súa data porque sufriu un longo período de evolución que continúa na actualidade. O que si se sabe con absoluta certeza é que ten a súa orixe nas danzas negras desta época, en concreto, foron os escravos levados a América os que crearon, en Nova Orleans, esta danza. Máis adiante, en 1910, é cando se comeza a estender á xente branca, pero con moitos cambios, producidos a mediados do século XX, que fan que se mesture e adquira elementos doutras modalidades como o Ballet, a danza Contemporánea e o Claqué. Deste xeito, créanse os distintos estilos do jazz e produce influencia noutros como o Fox-trot, que é unha danza de parella acompañada da música Jazz.
O jazz como danza artística comeza coa danza teatral dos séculos XIX e XX e ten o seu gran desenvolvemento en 1940. Así, remata consolidándose unha danza que presenta a técnica do ballet pero con moita máis ambigüidade ó permitir movementos máis amplos e menos precisos. Ademais, ó presentar unha grande expresividade fai que se vexa como unha danza ás veces cómica e ás veces íntima pola súa gran liberdade.
Estilos
Latin Jazz
Xorde cos migrantes latinoamericanos que se trasladan a vivir ós Estados Unidos de América, deste xeito combínase o Jazz Americano cos ritmos afrocubanos. Nesta danza existe moita influencia da salsa, merengue, mambo, lambada ou samba mesturados coa técnica, forma corporal e improvisación do Jazz.
Modern Jazz
Neste estilo, o jazz combínase co Ballet e así xorden movementos con moito traballo no chan e con pasos cunha elevada técnica pero sempre acompañados de música comercial, o que produce unha maior estética e libre interpretación do movemento.
Jazz Funk
Tamén chamado Funky Jazz ou Street Jazz, combina o jazz con movementos do Hip-Hop, caracterízase pola súa enerxía, coordinación, fluidez, rapidez do movemento e o traballo cara ó exterior, é dicir, cara ó público. A música adoita ser con percusións electrónicas ou acústicas moi fortes e ritmos cambiantes, o que orixina moitos contratempos no baile.
Broadway
Pódese dicir que este é o estilo máis practicado dentro do Jazz, xa que é o que se usa nos musicais. Xorde tras a fusión do ballet, o moderno e o jazz co teatro. Deste xeito, caracterízase por usar moito as mans, bastóns e sombreiros para aumentar a expresividade. Moitas veces combinase con narracións.
Lyrical Jazz
Este estilo caracterízase pola súa elevada expresión, de feito o seu nome fai referencia a isto mesmo, xa que a poesía lírica é moi sentimental e apaixonada. Ademais, o seu risco principal é que os pasos da coreografía sempre van ó ritmo da música, esta adoita ter letra para que o ritmo sexa moito máis marcado.