Jean Pierre Droz era fillo de Daniel Droz, un fabricante de apeiros agrícolas, e de Suzanne Esther Brandt. Do seu pai aprendeu desde moi novo as primeiras nocións do traballo con metais, que complementou cos estudos de deseño e de gravado. Aos 18 anos, en 1764, marchou a París, onde cultivou os seus dotes como gravador.[5]
Un dos seus primeiros traballos coñecidos é unha medalla de 1780 para conmemorar a alianza de Lois XVI co bispado de Basilea.[6]
En 1786, o Ministerio de Finanzas francés encomendoulle gravar para Lois XVI un novo modelo de escudo de 60 soldos no marco da reforma monetaria emprendida polo ministro Charles Alexandre de Calonne (1734-1802). Porén, esta moeda non chegou a entrar en circulación e dela cuñáronse só uns poucos exemplares de proba.[2][6]
En Inglaterra foi empregado durante dous anos do destacado industrial e home de negociosMatthew Boulton (1728-1809), quen requiriu dos seus servizos para mellorar a calidade das moedas privadas emitidas pola compañía Boulton and Watts na ceca de Soho, en Birmingham.[7] Alí encargouse ademais da cuñaxe de moeda de cobre para a circulación en Inglaterra e nas súas colonias. En 1789, Droz ideou un colar para a cuñaxe dos cantos das moedas e asegurar a súa forma circular que, malia non ser axeitado para un gran número de moedas, se mantivo en uso nos anos posteriores na Soho Mint.[8] En Inglaterra foi escollido membro da Royal Birmingham Society of Artists e adquiriu unha grande notoriedade como gravador.[2][6][9]
Entre outros traballos, en Birmingham encargouse así mesmo, en 1791, da cuñaxe dos monneron, gravados por Augustin Dupré (1748-1833), que se utilizaban en Francia durante a República.[10] A el débeselle tamén unha innovación que permitía multiplicar o número de cuñaxes realizadas con cada cuño, que foi aplicada tamén na impresión dos billetes coñecidos como assignats.[11][12]
En 1810 gañou nun concurso que lle permitiu encargarse dos deseños dunha nova serie de moeda circulante francesa, a partir do cal elaborou unhas pezas de proba da moeda de cinco francos de prata a nome de Napoleón I. Esta moeda, caracterizada polo busto do emperador nos seus anversos, é recoñecida como a súa obra máis significativa e dá comezo a unha serie monetaria con valores en ouro de ata 100 francos, baixo a denominación de Napoleón.[2][13]
↑Flynn, B. (2014). A Place for Art: The story of the Royal Birmingham Society of Artists. Royal Birmingham Society of Artists. Páxina 52. ISBN 978-0993029400
Molard, C. P. (1823). Notice sur les diverses inventions de feu Jean-Pierre Droz, graveur-mécanicien : relatives à l'art du monnoyage, ainsi qu'à plusieurs autres branches d'économie industrielle. J. P. Jacob Impr. Versalles.