Jean de Joigny, ás veces castelanizado como Juan de Juni, nado en Joigny no ano 1506 e finado en Valladolid no 1577, foi un escultorborgoñón que realizou o máis importante do seu traballo en España ao longo do século XVI. É considerado como un dos mellores representantes do maneirismo en España.
Traxectoria
Probablemente perfeccionouse en Italia, aínda que puido recibir influencias da escultura dese país a través de artistas italianos ambulantes. Arredor de 1533 aparece en Castela, onde traballaría o resto da súa vida, inicialmente en León, onde se documenta o seu traballo por vez primeira; logo en Medina de Rioseco, e en 1540 en Salamanca, e posteriormente en Valladolid, onde fixaría o seu domicilio. Nesa cidade falecería no ano 1577 .
Juni non só traballou a escultura exenta, senón que ergueu tamén magníficos retablos, dos que mesmo fixo as trazas, e dos que se conservan consumados exemplos, como o da catedral de El Burgo de Osma (1550) ou da igrexa de Santa María la Antigua, en Valladolid (1545).
O seu estilo mantén o patetismo expresivo propio da arte borgoñoa, talvez herdado do gran Claus Sluter, ao que se suma a influencia de Miguelánxelo, pois o retorcemento angustioso das figuras de Juni emparéntase coa terribilitá do italiano. Autor de figuras de gran tamaño, traballou principalmente a madeira, pero ás veces tamén se achegou ao mármore. O seu traballo lento, no dicir dos contemporáneos, revela, porén, unha árdua planificación do traballo.
Discípulos
O seu fillo, Isaac de Juni, foi un dos seus discípulos directos, e tamén o francés Juan de Angés. Aínda que ambos traballaron na Galiza, é sobre todo a través do último, e do seu fillo Juan de Angés o Novo, como o estilo de Juni se espallou polo Noroeste peninsular.
Obras
Descendemento (ca. 1533 – 1538), convento de San Marcos, León.
Santa Ana e San Xoán Bautista, hoxe no transcoro da catedral de Salamanca, procedentes do claustro.
Calvario, no monumento funerario do bispo zamorano Antonio del Águila; convento de San Francisco, Ciudad Rodrigo, Salamanca, hoxe no pazo dos Águila da mesma cidade.
Virxe da Esperanza (entre 1560 e 1577), igrexa de Santiago, Allariz, Ourense.
Inmaculada, Museo Arqueolóxico Provincial, Ourense.
Museo Nacional Colegio de San Gregorio. Colección, Madrid, Ministerio de Cultura, 2009. (Ed. bilingüe: Saint Gregory's College National Museum), ISBN 978-84-8181-422-4
Santiago Alcolea Gil, Historia Universal del Arte, vol. VI, Barcelona, Planeta, 1988, ISBN 84-320-8906-0
Bartolomé Bennassar, Valladolid en el siglo de oro, Valladolid, Ámbito, 1989 ISBN 978-84-86770-15-0
Manuel Gómez Moreno, La Gran época de la Escultura Española, Barcelona, Noguer, 1964
Juan José Martín González, Juan de Juni. Vida y obra, Madrid, Patronato Nacional de Museos, 1974 ISBN 84-369-0335-8
José Martí y Monsó, Estudios histórico-artísticos relativos principalmente a Valladolid. Basados en la investigación de diversos archivos, Valladolid, Ámbito, 1992, ISBN 84-86770-74-2. Facsímile da primera edición 1892-1901.
Federico Pablo Verrié, Mil Joyas del Arte Español: Edad moderna y contemporánea, Barcelona, Instituto Gallach, 1948.