Actor afeccionado, comezou a súa carreira a principios dos anos sesenta, cantando polos bares de Pontevedra e actuando ocasionalmente con orquestras. Coñeceu a fama logo de aparecer nos anos setenta en diversos programas de televisión, da man do presentador José María Íñigo. Nas súas actuacións era capaz de imitar numerosos acentos e sons distintos, polo que era coñecido como home orquestra, e aparecía comunmente disfrazado de vaqueiro, falando un falso inglés. Esa é a orixe do seu pseudónimo[Cómpre referencia]. Tamén improvisaba guións de filmes en base a esquemas xenéricos, entre os que figuraba a miúdo o western. Era moi común ver as súas actuacións no trolebús que unía Marín con Pontevedra.
Unha das súas facetas artísticas consistía en empregar unha porta ás costas, onde cunha man facía os baixos e coa outra a percusión, á vez que pola boca emitía sons de instrumentos de vento ou cantaba. Tamén por isto foi coñecido como "O home da porta".
Cunha hemiplexía dereita causada por unha trombose, pasou os seus últimos anos na residencia de anciáns Virxe do Camiño de Pontevedra.
Recoñecementos
Recibiu unha homenaxe na cidade de Pontevedra o 14 de xullo de 2006, nun Teatro Principal ateigado de xente e co recoñecemento e participación de xentes da televisión como Xabier Fortes, Farruco, Xosé Ramón Gayoso, José María Íñigo, Jesús Quintero ou Javier Santos Penas. Tamén estiveron presentes escritores como Manuel Rivas, Alfredo Conde e Rafael Pintos. As actuacións musicais foron realizadas por diferentes grupos, entre eles os Chichisos.