José Casais Santaló, nado en Santiago de Compostela o 27 de agosto de 1894 e finado en Juiz de Fora (Minas Gerais) o 31 de agosto de 1971, foi un escritor e diplomático galego.
Traxectoria
Fillo de Pío Casais Canosa, que foi notario de Rábade, Sarria, A Estrada e Santa Cruz de Tenerife. Estudou o Bacharelato en Lugo e Dereito na Universidade de Santiago de Compostela. Doutor en Dereito pola Universidade de Madrid coa tese La jurisdicción del trabajo (1918). Foi profesor auxiliar de Dereito Político na USC (1920-1921). Traduciu ao castelán os Principii di diritto processuale civile de Chiovenda. Foi redactor de La Idea Moderna e colaborou en Ilustración Gallega, El Progreso, El Regional e Vida Gallega. Traballou no Instituto de Reformas Sociales e centrou os seus intereses no tema da vivenda social ao que dedicou varios traballos. Foi agregado comercial en Marrocos, París, Chile e a Arxentina. Co golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 abandonou a embaixada de España en Buenos Aires e instalouse no Brasil, onde foi amigo de Antenor Nascentes. Foi expulsado da Administración Pública e condenado polo Tribunal de Responsabilidades Políticas. Permaneceu no Brasil até a súa morte, aínda que nos últimos anos pasou tempadas en Santa Cruz de Tenerife, na casa do seu irmán.
Obras
- Emigración española y particularmente gallega, a Ultramar, 1915.
- El contrato de trabajo. Su naturaleza jurídica. Intervencionismo del Estado en su reglamentación, 1915.
- La infancia trabajadora en España, 1917.
- Las sociedades constructoras de Casas baratas, 1924.
- Un turista en el Brasil, 1940.
- Congonhas do Campo, 1942
- Roteiro Balneário, 1942.
Véxase tamén
Bibliografía