Juan Emilio Bosch Gaviño, nado en La Vega o 30 de xuño de 1909 e finado en Santo Domingo o 1 de novembro de 2001, foi un contista, ensaísta, novelista, narrador, historiador, educador e político dominicano. Bosch foi elixido presidente da República Dominicana en 1962, cargo que asumiu por un breve período en 1963. O seu efémero goberno foi derrocado case sete meses despois de asumir a presidencia. Porén, a día de hoxe, é lembrado como un político honesto[1][2][3] e está considerado como un dos escritores máis preclaros de Latinoamérica, en especial no xénero do conto.[4]
Foi un líder da oposición dominicana no exilio contra o réxime de Rafael Leónidas Trujillo durante máis de 26 anos. Ademais, foi o fundador de dous dos principais partidos políticos dominicanos: o Partido Revolucionario Dominicano (PRD) en 1939 e o Partido da Liberación Dominicana (PLD) en 1973.[5]
Traxectoria
Juan Bosch naceu na cidade de La Vega o 30 de xuño de 1909. Fillo da portorriqueña de ascendencia galega Ángela Gaviño Costais, (cuxo pai era da Guarda) e de José Bosch Subirats, de orixe catalá, nado en Tortosa. Viviu os primeiros anos da súa infancia nunha pequena comunidade rural chamada Río Verde, onde comezou os seus estudos de primaria; os estudos secundarios fíxoos no colexio San Sebastián de la Vega, chegando só até o terceiro nivel de bacharelato. En 1924, trasladouse a Santo Domingo, onde traballou en varias tendas comerciais. Máis tarde en 1929 viaxou a España, Venezuela e algunhas illas do Caribe.
Notas