Estreitamente vinculado có movemento nacionalista andaluz, a loita xornaleira e a loita obreira en xeral, é alcalde da localidade de Marinaleda (Sevilla) dende as primeiras eleccións municipais tralo franquismo, celebradas en 1979. Como alcalde é impulsor dun programa alternativo que inclúe: unha planificación urbanística que impide a especulación e permite o acceso á vivenda dende 15 euros ao mes a través do sistema da autoconstrución,[2] o completo emprego mediante cooperativas, o mesmo soldo de ao redor de 1.200 euros mensuais para todos os traballadores na vila,[3] a ocupación de leiras de Terratenentes e a inexistencia de policía.[3] Este proxecto apoiase en dous piares principais: a igualdade e a participación dos habitantes nos asuntos do pobo mediante asembleas.[3]
En 2008 foi elixido deputado do Parlamento de Andalucía por EU, representando á provincia de Sevilla. Así mesmo é o máximo responsable do partido político CUT-BAI, integrante de EU, membro do Comité Nacional do SAT e membro do Consello Político Federal de EU, así como secretario de Soberanía alimentaria de coalición.[4]
En decembro de 2011, o Congreso do SAT elixiuno membro do Comité Nacional. En febreiro de 2012, EU nomeouno cabeza de lista pola provincia de Sevilla para as eleccións andaluzas do 25 de marzo de 2012. En ditas eleccións o seu partido ascendeu ata converterse na terceira forza política, e decisiva para decidir co PSOE un goberno de esquerdas. Neste contexto, Gordillo opúxose a formar un goberno conxunto co PSOE, ameazando con escindirse de Esquerda Unida.[5]
O 7 de agosto de 2012, xunto cuns 400 militantes do SAT e tras avisar aos medios de comunicación, subtraeu a modo de protesta mercancías en dúas grandes superficies comerciais (Mercadona e Carrefour) en Arcos de la Frontera e Écija. Sánchez Gordillo definiu a actuación como «expropiación forzosa» e explicou que tiñan a intención de entregalos ao comedor social dunha ONG sevillana.[6] Finalmente os alimentos foron entregados a familias "sen teito" que ocupan un bloque de vivendas en Sevilla.[7]