Nomeado ministro de Facenda en setembro de 1936 no goberno de Largo Caballero.
Membro do PSOE, trala dimisión de Largo Caballero en maio de 1937 o Presidente da República Manuel Azaña nomeouno Presidente do Goberno, coa esperanza de fortalecer o poder central fronte a sindicatos e anarquistas, aliándose coa burguesía e clases medias, poñendo así fin ao movemento revolucionario e creando unha economía de guerra. Todo iso coa intención de enlazar o conflito español coa segunda guerra mundial, que cría inminente, aínda que o pacto de Múnic fixo esvaecer definitivamente toda esperanza de axuda exterior.
Convenceu a Azaña para que autorizase o envío de parte do tesouro do Banco de España a Moscova a fin de poder pagar o armamento que a República se vía obrigada a comprar á Unión Soviética, xa que esta esixía o pago por adiantado. Esta fonte de fornecemento era a única alternativa viable ante a negativa das potencias democráticas a vender armas a España, amparándose na política do "Pacto de non intervención" do que, paradoxalmente, Alemaña e Italia, principais subministradores dos nacionalistas, tamén eran signatarios.
Ante o derrubamento de Cataluña, propuxo na reunión das Cortes en Figueres (Cataluña) a rendición coa soa condición do respecto ás vidas dos perdedores, pero ao non poder atinxir este obxectivo trasladouse en febreiro de 1939 á zona centro coa intención de lograr a evacuación co mesmo éxito con que se realizou en Cataluña, pero a rebelión de Segismundo Casado frustrou este último plan.