Os Kanopus-V son satélites de observación remota cunha masa duns 473 kg construídos por NPP VNIIEM con cámaras de OAO Peleng para a axencia espacial rusa Roskosmos. A súa misión é monitorizar e controlar desastres naturais e humanos, levantar cartografía, detectar incendios forestais e contaminación, estudar fenómenos físicos relacionados coa predición de terremotos e controlar o uso de terras para agricultura e os recursos hídricos e costeiros.[1][2]
Os satélites Kanopus-V levan dous instrumentos a bordo:[1][2]
Unha cámara pancromática (PSS, Panchromatic Imaging System) para monitorización medioambiental, da agricultura e dos bosques. Proporciona unha resolución de 2,5 m nunha banda de 20 km de longo para lonxitudes de onda entre 500 e 800 nanómetros.
Unha cámara multiespectral (MSS, Multispectral Imaging System) para monitorizar superficies costeiras e terrestres e cubertas de xeo. Ten unha resolución de 12 m nunha banda de 20 km de longo en catro bandas espectrais: 500 a 600 nm, 600 a 700 nm, 700 a 800 nm e 800 a 900 nm.
Unha versión capaz de observar no infravermello é denominada Kanopus-V-IK e o satélite de observación terrestre belarusoBKA é basicamente unha copia dos Kanopus-V.[1][2]