Landulfo V (morreu en setembro de 1033) foi príncipe de Benevento desde maio de 987, cando foi asociado ao trono por primeira vez polo seu pai Pandulfo II, ata a súa morte. Foi príncipe principal desde a morte do seu pai en 1014.
Traxectoria
En 999, Odón III visitou o Santuario de Monte Sant'Angelo en Monte Gargano. Á súa volta por Benevento asinou un diploma en favor do mosteiro de S. Sofia o 11 de marzo. S. Sofia era unha fundación familiar da familia de Pandulfo e probabelmente funcionaba como unha especie de mausoleo dinástico. Por razóns descoñecidas, Odón e Pandulfo tiveron as súas diferenzas no ano 1000, posibelmente sobre as reliquias de San Bertomeu, santo patrón de Benevento, ao que Odón construíra unha nova igrexa na Isola Tiberina-San Bartolomeo all'Isola- había pouco tempo. Segundo os Annales Beneventani, Otto rex cum magno exercitu obsedit Benevento: "O rei Odón cun grande exercito cercou Benevento." Non pasou nada, con todo, agás quizais a cesión de certas reliquias (posibelmente a pel de Bertomeu).
En 1003, unha rebelión liderada por Adelfero, conde de Avellino, depuxo a Pandulfo e ao seu fillo en Benevento. Os príncipes non estiveron no exilio moito tempo, con todo. En 1005 atopámolos outra vez gobernando desde a súa capital. A revolta foi un mal sinal: o malestar civil medraba no principado.
Asociou ao seu fillo Pandulfo III ao goberno de Benevento en 1012 aproximadamente. Dous anos despois, morreu o Pandulfo máis vello, deixando a Landulfo como único príncipe co seu fillo. Inmediatamente tras a súa morte, os cidadáns de Benevento fixeron unha revolta contra Landulfo e Pandulfo III. A rebelión, a diferenza da de Adelfero, non deu desaloxado aos príncipes do poder. Con todo, os cidadáns forzaron certas concesións de autoridade no seu favor e no da aristocracia da cidade. Os Annales din facta est communitas prima: "foi feita a primeira comuna."
Landulfo viuse forzado a se someter ao Imperio Bizantino, cuxo catapán italiano Boiannes construíran a cidade fortificada de Troia nas inmediacións. En 1022, o emperador Henrique II uniu o seu exército con outros dous ás ordes de Poppo de Aquileia e Pilgrim de Colonia en Benevento, que someteron tras un rápido cerco. Desde aquí marcharon a Troia, pero non a deron tomado. Tras facer sometemento ao Emperador de Occidente, non se volveu falar de Landulfo nas páxinas da historia ata a súa morte. Sucedeuno o seu fillo Pandulfo. O seu outro fillo, Daufero, ascendeu ao Papado como Vítor III.
Moito máis que durante o reinado do seu pai, o de Landulfo viu o declive do principado. Forzado a se someter primeiro aos bizantinos e despois a Henrique II, Benevento non podía proclamar a súa independencia mesmo de facto por moito tempo. Ademais, o longo período do seu reinado (47 anos) viu o principio do rexurdir bizantino en Apulia e a resposta longobarda. Benevento fixo o que puido por estar no bando gañador. Á súa morte, o outrora gran principado viu reducido o seu territorio a pouco máis que a cidade e a bisbarra próxima.
Fontes
- Caravale, Mario (ed). Dizionario Biografico degli Italiani: LXIII Labroca – Laterza. Roma, 2004.