Leopoldo Centeno Moyer, nado en Lugo o 27 de abril de 1967, é un ex-deportista galego, especialista en péntatlon moderno. Competiu en dous Xogos Olímpicos (Seúl 1988 e Barcelona 1992).
É fillo do tamén deportista Leopoldo Centeno, irmán xemelgo de Jesús Centeno, tamén pentatleta olímpico, e irmán máis vello de Rafael Centeno, pentatleta e cociñeiro.
Traxectoria
Seu pai Leopoldo practicara varios deportes, entre eles o baloncesto, chegando a militar no Breogán, a hípica ou o péntatlon moderno. Leopoldo fillo comezou na hípica, pasando logo ao péntatlon, deporte que comezou a practicar en Toledo e no que empezou a destacar xunto ao seu irmán xemelgo Jesús e ao irmań menor, Rafael.[1][2]
En 1985 entrou con Jesús na Residencia Blume de Barcelona e en 1988 disputou os seus primeiros Xogos Olímpicos en Seúl, participando tanto na proba individual como na de equipos, nesta última xunto aos irmáns Eduardo e Jorge Quesada, e con Jesús como suplente.[3] Na competición individual acabou na 38ª posición, mentres que na de equipos acabou inicialmente noveno, pero despois o equipo español foi descualificado polo positivo por dopaxe de Jorge Quesada.[4]
Nos Xogos Olímpicos de 1992 participou formando equipo co seu irmán xemelgo e con Carles Lerín, acabando na 12ª posición. Na proba individual foi 37º, un resultado decepcionante, pois nese momento era o sexto no ránking mundial.[5]
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas