Arcangela Felice Assunta Wertmüller von Elgg Spanol von Braueich, nada en Roma o 14 de agosto de 1928 e finada na mesma cidade o 9 de decembro de 2021,[1] foi unha directora de cinema e guionista italiana.
Traxectoria
Descendente dunha familia aristocrática suíza, comezou a súa carreira como actriz. En 1962 traballou como axudante de dirección no filme de Federico Fellini 8½. O ano seguinte debutou na dirección con I Basilischi, filme cun tema principal (a vida das xentes do sur de Italia) que foi recorrente nos seus traballos posteriores.
A este filme seguírono outros que tamén tiveron certo éxito, mais non foi ata 1972 cando Wertmüller recibiu o recoñecemento internacional cunha serie de catro filmes protagonizados por Giancarlo Giannini. O último foi Pasqualino Settebellezze (1976), que recibiu catro candidaturas aos premios Oscar e foi un éxito internacional. Con este filme, Wertmüller pasou á historia por ser a primeira muller en ter unha candidatura ao Oscar á mellor dirección.[2]
A pesar de seguir tendo unha carreira prolífica dende entón, ningún dos seus filmes posteriores logrou tanta repercusión como estes catro con Giannini.
Política
En xeral, os filmes de Wertmüller reflicten os seus propios compromisos políticos, sendo os seus principais protagonistas ou ben anarquistas ou ben feministas (ou ambos), e a acción principal céntrase en conflitos de natureza política ou socio-económica. A pesar diso, os filmes de Wertmüller raramente son didácticos, e adoitan reflectir as súas propias sensibilidades iconoclastas. En Travolti da un insolito destino nell'azzurro mare d'agosto (1974), por exemplo, conta a historia da dona dun rico industrial que só se sente realizada logo de ser «dominada» por un mariñeiro comunista.
Filmografía
Notas