A palabra "bantú" foi usada por primeira vez por Wilhelm H. I. Bleek (1827-75) co significado de "xente" ou "persoas", como se reflicte en moitos dos idiomas deste grupo (véxase a Táboa 1). A el debemos tamén a primeira clasificación do grupo de linguas que seguiu criterios científicos, levada a cabo entre (1862 e 1869). El e, máis tarde, Carl Meinhof fixeron estudos comparativos das gramáticas das linguas bantús.
Táboa 1: A raíz de cada palabra aparece resaltada en letra grosa precedida do prefixo de clase.
Características
A meirande parte das linguas deste grupo seguen o esquema SVO (Suxeito-Verbo-Obxecto) para a orde dos compoñentes na cláusula. A característica gramatical máis prominente dos idiomas bantús é o uso extensivo de prefixos e infixos. Cada nome pertence a unha clase e cada lingua pode ter arredor de dez clases en total, que se indican por medio dun prefixo ligado ao nome e aos adxectivos e verbos que concordan con el. Ademais, o plural indícase cun cambio no prefixo de clase (véxase a Táboa 1). Por outra parte, o verbo tamén se conxuga a base de prefixos.
En suahili, por exemplo, Mtoto mdogo amekisoma significa 'O neno pequeno leuno (o libro)'. Mtoto ('neno') goberna o prefixo adxectival m- de mdogo ('pequeno') e o prefixo do suxeito verbal a-. A continuación séguelle o morfema de tempo-aspecto (pasado/perfectivo) -em- e o marcador do obxecto -ki-, que concorda co obxecto implícito kitabu ('libro'). Se pluralizamos o suxeito ('nenos'), obtemos Watoto wadogo wamekisoma, e pluralizando o obxecto directo ('libros', vitabu) a cláusula resultante sería Watoto wadogo wamevisoma.
Linguas da familia
A lingua bantú con maior número de falantes é o suahili (G 40). Os idiomas bantús comprenden un amplo abano que acolle desde linguas puramente tonais ata outras que prescinden totalmente do ton nas funcións gramaticais e/ou semánticas. Outros idiomas bantús importantes son o lingala, o luganda, o congo e o chewa en África central e oriental e o shona, o ndebele do sur (decote considerado unha lingua, aínda que en realidade é un dialecto do zulú), o tswana, o sotho, o xosa, o sepedi e o suazi no sur de África.
Algunhas das linguas son coñecidas sen o prefixo de clase (chewa por chichewa, swahili no canto de kiswahili, zulú por isizulu, xosa en lugar de isixhosa etc.) mentres que outras varían (setswana ou tswana, sindebele ou ndebele etc.). Malia todo, a forma radical sen o marcador non se adoita dar nestas linguas: en Botswana, por exemplo, os habitantes son batswana, unha persoa é un motswana e a lingua é setswana.
Os surafricanos de raza negra ás veces eran chamados oficialmente bantús polo réxime do apartheid, de maneira que agora alí se prefire o termo sintu para referirse a este grupo de linguas; si- é un prefixo empregado, entre outros conceptos, con idiomas.
Clasificación interna
Esta familia contén centos de linguas, que foron clasificadas por Malcolm Guthrie en 1948 en grupos por zonas xeográficas e despois numeradas dentro de cada un deles. Guthrie tamén reconstruíu o proto-bantú coma a proto-lingua desta familia lingüística. Todo parece indicar que as linguas bantús tiveron a súa orixe hai uns dous mil anos na Nixeria oriental e o Camerún, desde onde se estenderon ata o sur e o leste do continente africano. Os principais grupos segundo Guthrie son os seguintes (as linguas principais van en cursiva):