Mago Antón|
Nacemento | (es) Antón López Ribas 1956 (67/68 anos) Castroverde, España |
---|
Outros nomes | Mago Antón |
---|
|
Ocupación | mago |
---|
Antón López Rivas, nado en Meda Castroverde en 1956, é un mago e ilusionista galego, coñecido profesionalmente como o Mago Antón. Está especializado en números de escapismo e maxia creativa.
Traxectoria
Pasou a súa infancia e adolescencia en Lugo, onde se iniciou na maxia. Comezou a estudar Psicoloxía en Santiago de Compostela, abandonando en 1977 para dedicarse profesionalmente á maxia e á ventriloquia. Uns anos máis tarde entrou en contacto coa escola máxica de Madrid e realizou numerosas actuacións en diferentes cidades españolas e europeas. Nos anos 80 produciu grandes espectáculos, destacando Merlín e Familia, e creou a empresa Produccións Máxicas.[1]
O 2 de decembro de 1990 estivo a piques de morrer afogado durante a gravación dun programa da Televisión de Galicia. O truco consistía en somerxerse nunha cubeta de auga esposado a unha pedra, emulando a Harry Houdini. Unha vez dentro, o mago debía atopar a chave que abre as esposas, liberarse e saír do estanque antes de que fose demasiado tarde. Nesta ocasión foi rescatado in extremis polos seus axudantes, semiinconsciente despois de case catro minutos.[2]
Espectáculos principais
Os espectáculos principais do Mago Antón foron:[1]
- 1980-1990 Merlín e Familia, presentado en xira por toda Galicia.
- 1993 Vía Láctea, representado durante meses en Santiago, principais cidades galegas, Pamplona e Madrid.
- 1995-1999 Magomóbil, recorre Galicia con cinco espectáculos de maxia, entre eles Insólito por ANTONomaxia e O romance do conde de Cagliostro.
- 2001 Ilusións, un percorrido pola historia da maxia e a humanidade.
- 2004 10 Magos no País das Marabillas e Festivais de Maxia no Camiño.
Premios
- 1989 foi nomeado "Lucense del año" pola Asociación de Prensa, Radio e TV de Lugo.[1]
- 2003 foi galardoado co premio “Gallego Egregio” pola Fundación Premios de la Crítica de Galicia.[1]
Notas