Manuel Irujo Ollo ou Manuel de Irujo, nado en Lizarra (Navarra) o 25 de setembro de 1891 e finado en Pamplona o 1 de xaneiro de 1981, foi un político e avogado navarro, dirixente do Partido Nacionalista Vasco, deputado e ministro da Segunda República.
Traxectoria
Fillo do avogado Daniel Irujo y Urra, un pioneiro do nacionalismo vasco en Navarra e defensor de Sabino Arana, e irmán de Andrés de Irujo e Pello Irujo. Estudou no Colexio do Xesuítas de Orduña, onde rematou no 1907 o bacharelato. No 1910 licenciouse na Facultade de Filosofía e Letras da Universidade de Deusto e no 1912, en Dereito.
En 1916 casou con Aurelia Pozueta Aristizabal, con quen tería unha filla, Miren. Enviúva en 1918. Foi deputado pola Deputación Foral de Navarra en 1921 e 1930. Deputado a Cortes por Guipúscoa nas eleccións de 1931, 1933 e 1936. No 1936 defendía o posicionamento do seu partido en favor da Segunda República e en contra da sublevación militar.
Entre setembro de 1936 e maio de 1937, foi ministro sen carteira no Goberno de Largo Caballero coa función de intentar restablecer o funcionamento dunha xustiza elemental na zona republicana. Dita función continuouna como Ministro de Xustiza no goberno de Negrín até decembro de 1937. Abandonou o cargo, entre outras razóns, pola represión que o goberno levou a cabo contra o Partido Obrero de Unificación Marxista (POUM), pero ficou como ministro sen carteira até agosto de 1938. Trala guerra civil exiliouse no Reino Unido. Alí foi ministro do goberno republicano no exilio e presidente do Consello Nacional Vasco.
Pola súa labor na construción europea en 1972 foi nomeado presidente de honra do Consello Federal Peninsular do Movemento Europeo. Regresou a España en 1977, ano no que foi elixido senador por Navarra nas listas da Fronte Autonómica. No 1979 foi elixido membro do Parlamento Foral de Navarra como cabeza de lista da coalición Nacionalistas Vascos, sendo o seu primeiro presidente. Autor, entre outras obras, de Inglaterra y los vascos e Instituciones políticas vascas (1945).
Ideoloxía
Irujo escribiu o seguinte decálogo que resume a súa ideoloxía:
"1) Declaro e afirmo que son navarro de nacemento e de corazón, e, polo tanto vasco, como os gipuzkoanos, os alaveses, bizkainos, laburdinos e zuberoanos;
2) Que a miña patria chica é Nabarra, chamada antigamente Vasconia, uno dos Estados libres do País Vasco ou Euskadi, e esta é a verdadeira e única patria de todos os vascos;
3) Que como navarro e vasco, non son francés nin español, senón vasco só;
4) Que polo tanto formo parte dun grupo étnico diferente do francés e do español;
5) Que pola misma causa, a miña lingua natural non é o francés nin o castelán, fillas del latín; senón o éuscaro, chamada por Sancho o Sabio Lingua Nabarrorum;
6) Que como navarro e vasco quero, reclamo e esixo a liberdade e independencia de Nabarra e Euskadi, sen a intromisión ou tutela de ningún outro Estado;
7) Que así mesmo como vasco progresista de Nabarra, aspiro a que a miña patria se adhira á unión de Estados confederados de Europa;
8) Que como amante da verdade e da cultura patrias, reclamo que se implante inmediatamente en todas as escolas do país a ensinanza da súa gloriosa historia. Que se impoña urxentemente o uso da lingua nacional vasca, a aplicación das nosas leis, usos e costumes e se protexan as nosas institucións. e que se respecten sempre os dereitos sagrados da persoa humana;
9) Que ao igual que os bens naturais, sexa tamén a cultura patrimonio común dos vascos e poidan todos ter libre acceso a calquera grao de ensinanza;
10) Que os vascos de todas as clases sociais teñan acceso á riqueza e o benestar xerais da patria, sen exclusivismo nin monopolio.
Libertad y Fueros."
Véxase tamén
Ligazóns externas